RCD / NOVAS

A Fundación Real Club Deportivo e Cruz Vermella reforzan a súa colaboración de cara á próxima temporada

18/07/2019 13:00

Paco Zas e Oliva Figueira, presidente e vicepresidenta da Fundación Real Club Deportivo respectivamente, e a presidenta provincial de Cruz Vermella Española na Coruña, Mercedes Casanova, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na Cidade Deportiva de Abegondo.

O encontro, primeira toma de contacto dos novos directivos da fundación branquiazul coa responsable da entidade social, celebrouse após visitar aos participantes dos DéporCampus Cabreiroá, entre os que se atopan menores en risco de exclusión social procedentes de diferentes programas de Cruz Vermella grazas ao apoio da Fundación Cofares.

Desde xullo de 2018 a Fundación do Real Club Deportivo e Cruz Vermella manteñen un acordo de colaboración que, entre outras actividades, inclúe o proxecto AsistiDE, no que o voluntariado de Cruz Vermella facilita nos días de competición o acceso ao estadio ABANCA-RIAZOR das persoas con problemas de mobilidade.

Outra das liñas de actuación céntrase na formación do cadro deportivo e a canteira do club, un aspecto que ambas as partes acordaron potenciar de cara á nova temporada, con programas centrados na educación en valores, o respecto e a non violencia en todas as súas vertentes, así como en cuestións de índole asistencial e saúde.

Doutra banda, as dúas organizacións traballan con vistas a reforzar o seu apoio a colectivos vulnerables como os nenos hospitalizados e persoas con diversidade funcional, a quen a Fundación do Real Club Deportivo desexa trasladar moi especialmente os beneficios físicos e emocionais do deporte e do sentimento branquiazul.

Ademais de colaborar coa Fundación, Cruz Vermella mantén desde hai tempo unha estreita relación co Real Club Deportivo, ao que prové de servizos preventivos –primeiros auxilios- nas instalacións do Estadio ABANCA-RIAZOR e na Cidade Deportiva de Abegondo.