RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fundación RC Deportivo e Cruz Vermella Española na Coruña amplían o seu convenio de colaboración

A Cidade Deportiva de Abegondo acolleu este mediodía a firma do convenio de colaboración que, desde 2018 coa Fundación e desde anos antes xa co Club, manteñen a Fundación RC Deportivo e Cruz Vermella Española na Coruña. Mercedes Casanova e Antonio Couceiro, presidentes de ambas as institucións, rubricaron o documento que recolle unha da colaboracións máis recoñecibles co Deportivo grazas aos servizos preventivos nos partidos de ABANCA-RIAZOR e Abegondo, ou ao proxecto AsistiDÉ.

Este proxecto ten o obxectivo de promover a participación de voluntarios de Cruz Vermella para facilitar o acceso ás instalacións do Estadio tanto de colectivos como de persoas maiores, socios con problemas de mobilidade e xente nova con diversidade funcional ou limitacións de mobilidade temporal que teñen dificultades para acceder ás instalacións en días de competición.

Campañas de difusión das actividades da entidade humanitaria co fin de sensibilizar ao Deportivismo sobre situacións problemáticas sociais específicas, ou o desenvolvemento de programas formativos e de capacitación ao longo do ano ao persoal (cadro deportivo, canteira e capital humano) do Club sobre hábitos saudables, primeiros auxilios ou actualización do manexo de DESA, son outras das actividades que recolle o acordo.

Acompañados por Gelines Romero, responsable da Fundación RC Deportivo, Marcos Gómez, secretario provincial, e Pedro Giménez, responsable de alianzas con empresas de Cruz Vermella Española na Coruña, completaron a xornada visitando aos alumnos da segunda quenda do DéporCampus Cabreiroá en Abegondo, entre os que se atopan menores en risco de exclusión social procedentes de diferentes programas de Cruz Vermella grazas ao convenio de colaboración formalizado no día de hoxe.