RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A nivel emocional e a nivel anímico temos que ser moi fortes", advirte Rubén de la Barrera

Rubén de la Barrera manifestou en rolda de prensa que o Racing de Ferrol, rival do Deportivo mañá sábado 20 de febreiro na Malata (19:00 horas, TVG), "é un equipo ao que me enfrontei en bastantes ocasións anteriormente. Algúns xogadores continúan no equipo, víronse reforzados, cambiaron de adestrador esta semana. Cristóbal tivo o partido do Compostela. Témolo como referencia".

Destaca do conxunto ferrolán a súa "boa organización, boas presións, equipo intenso, agresivo. Como non esteas ao cento por cento, as súas opcións vanas a aproveitar seguro. O partido de mañá é para estar enchufadísimo desde o primeiro momento sabendo que é un equipo que nos vai a vir buscar seguro e que o vai a facer ben porque de feito presionan ben".

Recoñece que o triunfo do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o CD Guijuelo "ten que axudar. As cabezas necesitaban unha vitoria, un resultado positivo. Xa vemos e puidémolo comprobar no partido do Celta B ante o Guijuelo aquí todo costa, nada é gratis. Tocounos vivir eses 12 últimos minutos nese contexto de necesidade e existía ese medo a perder o que nos 80 minutos anteriores mereceramos. Afortunadamente saíu e ten que axudarnos neste partido que vai ser complexo. Gañar por primeira vez ocorreu e iso tennos que espolear, competir, ser mellor que o Racing e gañar o partido".

Vaticina na Malata "un bo partido. Dous equipos que van querer mandar, van querer imporse. Dous equipos que están infestados de bos xogadores. Nós temos que potenciar o noso, minimizar ao máximo as capacidades do Racing".

Opina que o encontro en Ferrol "é moi importante. Haberá que ser superiores táctica, física e mentalmente. Temos que ser capaces de soportar todo aquilo que ocorra tanto favorable como menos favorable. E iso pasa por saber xogar cada un dos momentos e a predisposición anímica do equipo, de todos e cada un dos xogadores. Estamos a falar dun partido importante ante un bo equipo como é o Racing".

Pide aos seus xogadores "dominar, evitar que eles corran, evitar que esas presións que fagan non fornezan efecto; e a partir de aí controlar moitas cousas a nivel defensivo porque é un rival que esixe. Pero antes que todo está a resposta a nivel emocional que precede a este tipo de intervencións. A nivel emocional e a nivel anímico temos que ser moi fortes".

Por este motivo, compara o encontro "por ser orixinal como a superbowl. Pero tampouco é así. Quedan os partidos que quedan, os puntos que quedan. Nós temos que ofrecer un rendemento importante para gañar en Ferrol. Temos que estar activados desde o primeiro minuto até o final imaxinando un Racing de Ferrol moi activo desde xa. Espero un partido físico, con moita acción de loita, de disputa".