RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A próxima semana arrinca a Escola RC Deportivo cos primeiros grupos confirmados

Após a apertura das inscricións esta semana da nova actividade organizada pola Fundación Real Club Deportivo co comezo do novo ano, a “Escola RC Deportivo”, a próxima semana comezarán os adestramentos cos 20 futbolistas (en grupos de 7-8 nenos por adestrador) xa apuntados a esta proposta que ten como principal obxectivo complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Os primeiros grupos de traballo arrincarán o vindeiro mércores de 18:00 a 19:00 e de 19:00 a 20:00 horas e o venres de 17:00 a 18:00. Neles trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

A actividade, con inscricións permanentemente abertas, está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, en grupos de, como máximo 20 futbolistas, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada. Hai que matricularse como mínimo 1 mes e pódese adestrar 1 ou 2 días á semana, mércores e venres en horario de tarde, en quendas de 1 hora, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña.

Ademais da cota mensual (de entre 45 e 95 euros ao mes en función de descontos e horas de adestramento) a primeira vez que se inscriba un alumno na Escola deberá abonar a matrícula que será de 30€ prezo normal e 25€ prezo reducido. Os alumnos do DéporCampus Cabreiroá Indoor 2018 están exentos do pago desta matrícula. Os participantes nos demáis DéporCampus Cabreiroá 2018 gozarán de desconto.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible en www.rcdeportivo.es/escola.