RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

A sede social do Deportivo inicia unha nova era

A sede social do Real Club Deportivo (Praza de Pontevedra, 19 1º), que alberga as oficinas do Club desde 1972, inicia hoxe unha nova etapa, após sufrir unha reforma integral durante os dous últimos meses coa que se adecuou aos tempos que corren.

As oficinas da Praza de Pontevedra albergaban até agora a presidencia do Club e os departamentos de protocolo e comunicación, así como a área económica-financeira e parte da estrutura de xestión deportiva. Coa nova reforma acollerá tamén os departamentos comercial, de seguridade, instalacións e RSC.

O espazo dispón de catro salas de reunións, bautizadas cos nomes das principais sedes coas que contou o Club ao longo dos seus case 111 anos de vida.

A sala de xuntas recibe o nome de Sala Calvet, ximnasio no que naceu o Club en 1906 e que foi sede social do mesmo até 1914 e entre 1935 e 1936. As outras tres estancias foron bautizadas como La Marina (sede social entre 1940 e 1962 e que seguiu funcionando até 1988 como oficina das seccións deportivas e até 2003 como despachos de billetes), San Andrés (na Praza de Santa Catalina, sede entre 1962 e 1972) e Praza de Pontevedra (sede desde 1972).

As oficinas, que ocupan toda a primeira planta do número 19 da Praza de Pontevedra, foron doadas ao club o 26 de Agosto de 1972 por D. Pedro Barrié da Maza após a construción do edificio. Até esta reforma eran dous locais independentes. En termos de superficie construída o primeiro deles (1º dereita) consta de 234 m2 e o segundo (1º esquerda) 85 m2. A superficie construída total é de 319 m2, resultando unha superficie útil de 280 m2 nun único espazo que pode acoller até 30 postos de traballo.

As oficinas tamén acollen algúns dos trofeos simbólicos do Club, como o Teresa Herrera do 50 aniversario (o de 1995 que o Deportivo gañou na final ao Real Madrid), o Campionato de Galicia de 1927 (primeiro título recoñecido hoxe en día por unha Federación), a Copa de Campións de División de Honra Xuvenil ‘95-'96 e a Copa Bugallal, de 1912, un dos trofeos máis antigos do Club, que preside a sala de xuntas.

A sede do Deportivo servirá unicamente para labores operativos do Club, xa que a atención a socios, accionistas e afeccionados centralizouse nos últimos anos na Oficina de Atención ao Deportivista (Estadio ABANCA-RIAZOR, Avenida da Habana s/n).

As oficinas da Praza de Pontevedra foron obxecto, a través dos anos, de pequenas reformas parciais sucesivas, que se superpoñeron unhas sobre outras dando como resultado un local incómodo para o traballo diario e que non respondía as necesidades do Club en múltiples sentidos: funcionais, operativos, de confort... Ademais, esta sucesión de reformas de pequeno alcance, distanciadas no tempo e, por tanto non coordinadas entre si, levaron ao local a ofrecer unha imaxe fragmentada desde o punto de vista da representatividade, non acorde coa dimensión do Club, nin coa necesaria harmonía entre as metodoloxías de traballo e a imaxe que se proxecta ao exterior.

Por todo iso expúxose unha reforma cos seguintes obxectivos básicos:

- Adaptar os espazos de traballo, reunión e representación ás actuais dinámicas dos clubs de elite, buscando unha interrelación adecuada entre os distintos departamentos implicados na xestión da entidade, potenciando o traballo en equipo e posta en común, pero preservando a necesaria independencia de cada un deles, incrementando os niveis de confidencialidade das salas máis sensibles, á vez que se procurou maximizar a continuidade visual e a concatenación de espazos.

- Establecer unha clara diferenciación entre percorridos e áreas públicas e restrinxidas, evitando circulacións cruzadas e dando acceso desde a recepción ás zonas susceptibles de ser visitadas polos visitantes sen necesidade de percorrer lugares de uso interno.

- Adecuar as redes, instalacións e as tecnoloxías de traballo e confort ás necesidades actuais.

- Conferir ao local a capacidade de dar resposta a posibles cambios de modelo de xestión, buscando que as oficinas se adapten ás necesidades do club máis aló das do equipo directivo actual. Preténdese que futuras xuntas vexan cubertas as necesidades das súas formas de traballo sen a esixencia de realizar grandes investimentos. Para iso proponse neste proxecto unha solución sinxela e neutra, con vocación de ter continuidade no tempo.

- Dotar ás instalacións de funcións de representatividade corporativa adecuando a imaxe das oficinas para que transmitan e formalicen as actuais dinámicas de traballo que nelas leva a cabo.

- Aumentar a capacidade de postos de traballo das oficinas a 30 persoas.

- Ter presente a conxuntura económica afrontando a reforma con criterios de estrita austeridade expoñendo solucións eficientes desde o punto de vista de custos de construción, consumo e mantemento.

Para alcanzar os obxectivos descritos proxectouse unha oficina funcional, dotada de servizos e instalacións postas ao día, que pretenden favorecer a creación de sinerxías entre os diferentes departamentos, cun esquema espacial fluído. O acceso prodúcese no centro da planta (coincidindo co núcleo de comunicación vertical do edificio), onde se entra á recepción do local. Desde esta recepción accédese ao resto de espazos, tanto públicos como privados, expoñéndose un percorrido circular ao redor do núcleo de ascensores que dá acceso de forma radial ao resto de dependencias. Para elas propúxose unha solución de espazos de traballo abertos asociados a salas de reunión e posta en común, con diferentes graos de exposición visual ao resto do local, empregando cerramentos opacos e transparentes coa intención de presentar a oficina como un todo integrado, dotala da mencionada fluidez espacial, simplificar as circulacións e aproveitar ao máximo a iluminación natural.