RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A vitoria ségueselle resistindo ao Dépor (0-0)

O Deportivo non puido pasar do empate fronte á UD Almería, nun partido que dominou de principio a fin, no que fixo méritos máis que suficientes para sumar os 3 puntos en litixio.

O adestrador deportivista, Juan Antonio Anquela, fixo dúas modificacións con respecto ao once inicial do pasado xoves en Girona. Lampropoulos deixou o seu lugar no equipo a Gaku Shibasaki, co que Peru Nolaskoain atrasou a súa posición de mediocentro en Montilivi para arrancar no centro da zaga xunto a Javi Montero. E Borja Valle entrou no extremo esquerdo en lugar de Saša Jovanović.

O primeiro cuarto de hora desenvolveuse cun claro dominio por parte do Deportivo, moi preciso nas súas combinacións e triangulacións, que practicamente monopolizou a posesión. Após varios achegamentos claros, a maioría concluídos en saque de esquina, no minuto 17 chegou o primeiro disparo do encontro, por medio de Borja Valle. René atallou con seguridade o lanzamento raso do dianteiro deportivista.

O Almería achegouse aos dominios de Dani Giménez por primeira vez no minuto 25, nun rápido contragolpe que acabou sendo invalidado por fóra de xogo de Juan Muñoz, que se interpuxo entre a portería e un frouxo remate de Vada.

No minuto 33, Aketxe dispuxo dunha falta a uns 25 metros da portería andaluza. O mediapunta branquiazul tentou sorprender cun disparo potente por baixo que buscaba o bote previo. Con todo, o tiro saíu moi centrado. René estivo no seu sitio para atrapar o coiro sen apuros.

Repetiu intento o máximo anotador deportivista no que vai de curso no minuto 38. Nesta ocasión, desde máis lonxe, a media altura e co coiro buscando a dereita do gardameta visitante. Esta vez, René puxo as luvas para desviar a pelota a saque de esquina.

Quen o probou no minuto 43 foi Borja Valle, após unha longa acción de ataque do Dépor. O disparo do berciano saíu mordido ao golpear no rival que saía a tapar o lanzamento. O porteiro branquivermello fíxose coa pelota con facilidade.

Sen movementos no marcador chegouse ao descanso, tralo cal o partido se desenvolveu polos mesmos camiños, coa excepción de que no minuto 51 produciuse a primeira oportunidade clara do cadro almeriense. Foi un contragolpe que culminou primeiro cun disparo de Juan Muñoz interceptado por Montero e, finalmente, cun dereitazo cruzado en exceso de Appiah após facerse co rexeite do central deportivista.

Despois dun novo disparo de Aketxe, esta vez coa perna dereita, o Almería topouse co pau, nunha rápida acción de Juan Muñoz, que cruzou o seu disparo por alto, superando a estirada de Dani Giménez. A madeira repeleu o esférico e o rexeite estivo a piques de xogar unha mala pasada, pois a pelota golpeou ao porteiro herculino, tendido no chan, pero afortunadamente non se dirixiu cara á portería.

Na seguinte acción, Gaku tratou de colocar o balón na escuadra esquerda do portal visitante. O disparo do xaponés escapouse moi preto do traveseiro.

Co Dépor empuxando, sendo dono único do encontro, encerrando ao Almería, no minuto 77 produciuse unha dobre ocasión á saída dun córner. Primeiro, Borja Valle enganchou un durísimo zurdazo que René rexeitou como puido cara a unha lateral da área. Alí, Aketxe recolleu o coiro para volver sacar outro lategazo por baixo, que nesta ocasión o porteiro contrario atrapou.

De novo Aketxe, no minuto 81, puxo a proba a René, que liquidou con eficacia outro duro disparo do centrocampista vasco.

Instantes despois produciuse unha xogada determinante, pois o VAR avisou ao colexiado dunha acción na área do Almería. Após visionar a xogada na banda, Sagués Oscoz mostrou cartolina vermella directa a Montero.

O Deportivo quedou con 10 homes e retrocedeu uns pasos. Froito diso, o Almería dispuxo doutra boa oportunidade, que Ćorić enviou ao limbo cun disparo desde o bordo da área sen oposición que cruzou en exceso á dereita da portería de Dani Giménez.

Con todo, os branquiazuis non cesaron no seu empeño de buscar a tan desexada e necesaria vitoria. Aketxe tentouno novamente cando pasaban 2 minutos do tempo regulamentario. No 5 de tempo engadido, Borja Valle roubou un balón no extremo esquerdo e centrou raso para a chegada de Christian Santos, pero René lanzouse ao chan a por todas para anticiparse ao ariete venezolano e arrebatarlle o balón.

Con 8 minutos sobre o 90, Juan Muñoz tamén tivo a ocasión de dar os 3 puntos aos visitantes, pero rematou desviado en posición vantaxosa após un pase de Ćorić.

Con este novo empate, os branquiazuis, despedidos con aplausos por unha afección que recoñeceu o seu bo desempeño e esforzo, alcanzan os 8 puntos no seu marcador.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Peru Nolaskoain, Montero, Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Gaku Shibasaki (Borja Galán, min. 90), Mollejo, Aketxe, Borja Valle (Vicente Gómez, min. 90+7) e Longo (Christian Santos, min. 66).

UD Almería: René, Romera, Maraš, Iván Martos, Jonathan Silva (Ozornwafor, min. 65), De la Hoz (Ćorić, min. 82), Petrović, Appiah, Vada, Lazo (Corpas, min. 61) e Juan Muñoz.

Árbitro: Sagués Oscoz (c. vasco). Expulsou con vermella directa a Montero (min. 85). Cartón amarelo a Bóveda (min. 26), Appiah (min. 32), Montero (min. 66), De la Hoz (min. 74) e Aketxe (min. 82).

Incidencias: partido da 10ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.722 espectadores.