RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A vitoria ségueselle resistindo ao Dépor (3-3)

O Deportivo sumou un novo empate, o terceiro nos tres partidos disputados após a continuación de LaLiga SmartBank despois do parón pola pandemia de Covid-19. Esta vez a igualada produciuse en ABANCA-RIAZOR fronte ao Rayo Vallecano, que se adiantou con 2 goles na primeira metade. Os branquiazuis déronlle a volta ao marcador con 3 tantos na segunda parte e cando parecía que a vitoria volvería sorrir ao cadro deportivista despois de 6 xornadas sen lograla, un penalti serviu aos rayistas para acabar salvando un punto para os seus intereses e arrebatar 2 aos coruñeses.

Fernando Vázquez, adestrador branquiazul, rotou a máis da metade do once inicial que presentou o pasado mércores no Nuevo Carlos Tartiere. Saíron do equipo David Simón, Abdoulaye Ba (debido á cláusula no contrato de cesión por parte do Rayo), Gaku Shibasaki, Emre Çolak, Claudio Beauvue e Sabin Merino. No seu lugar entraron Eneko Bóveda, Keko Gontán, Uche Agbo, Ager Aketxe, Víctor Mollejo e Mamadou Koné. Con estes cambios, Vázquez por primeira vez apostou de inicio por unha defensa de 4 homes.

A resistencia do novo sistema defensivo durou exactamente 29 segundos. Os que tardou o Rayo en bater a Dani Giménez, despois dun centro raso de Álvaro García desde o extremo esquerdo que rematou Juan Villar ao primeiro toque chegando desde atrás.

Os branquiazuis non acusaron o golpe. O Deportivo comezou a controlar a pelota maior tempo e mesmo trenzou algunhas boas accións, aínda que non chegou a finalizar ningunha delas. A seguinte oportunidade foi tamén para o equipo madrileño, nun contragolpe que concluíu Trejo cun remate que rexeitou Mujaid e un segundo disparo após recoller o rebote que Dani Giménez despexou a saque de esquina.

Practicamente no ecuador do primeiro acto, os rayistas ampliaron a súa vantaxe cun novo tanto de Juan Villar. O dianteiro franxivermello anticipouse a unha deixada de Mollejo co peito cara a Dani Giménez.

O primeiro disparo a portería do Dépor chegou de pés de Koné, recentemente superada a media hora de xogo, xusto antes da pausa de hidratación. O marfileño sacouse un dereitazo desde moi lonxe que se perdeu á dereita da portería de Dimitrievski.

Ao regreso do parón, Keko e Mollejo gozaron dunha dobre oportunidade para acurtar distancias. O primeiro quixo superar por riba a Dimitrievski na súa saída, pero o balón saíu cara ao extremo esquerdo, por onde chegou Mollejo que, co meta visitante fóra do seu portal, quixo bater con virulencia e enviou o esférico ás nubes.

O Rayo volveu atacar con perigo no minuto 37. Luna recolleu un centro pasado no extremo esquerdo. O lateral esquerdo finalizou a acción cun duro disparo raso excesivamente cruzado.

Coa vitoria por 0-2 chegouse ao descanso, tralo que Christian Santos, Emre Çolak e Hugo Vallejo entraron no terreo de xogo en lugar de Álex Bergantiños. Con estes cambios, o Deportivo volveu pechar con tres centrais (Bóveda, Peru e Mujaid), pasando Hugo a ocupar o carril dereito e Mollejo o esquerdo. Agbo quedou como único mediocentro, con Aketxe e Çolak por diante e Koné e Christian Santos en punta.

Precisamente estes dous últimos realizaron a acción do 1-2, que chegou aos cinco minutos da continuación. Nun saque de banda após unha consulta de VAR por posibles mans do central rayista Martín Pascual, Koné centrou ao segundo pau para que o ariete venezolano cabecease ao fondo das mallas. Dous minutos máis tarde, Mollejo equilibrou a contenda ao remachar un pase da morte de Hugo Vallejo, lanzado cara á liña de fondo cun pase en profundidade de Bóveda.

Comezou entón un novo partido, no que o Deportivo gozou de dúas oportunidades moi claras para adiantarse no marcador. Antes, con todo, a ocasión tívoa o Rayo, que estrelou un balón na madeira por medio de Tito. O rexeite caeu a De Frutos que non puido remachalo porque pateou ao aire. Corría o minuto 65.

Tres minutos despois, Aketxe sacou achas do pau esquerdo do marco madrileño. O mediapunta enganchou un balón solto no punto de penalti após un despexe curto da defensa rayista. Máis tarde, no minuto 80, Borja Valle internouse na área, escorado cara á dereita, e buscou o vértice superior do portal visitante cun potente dereitazo. Dimitrievski respondeu con velocidade e seguridade para rexeitar a saque de esquina.

No minuto 81, Christian Santos cabeceou un centro no segundo pau cara ao brazo de Martín Pascual, que saltaba de costas ao dianteiro deportivista. O colexiado Vicandi Garrido sinalou penalti pero a instancias do VAR, Ávalos Barrera, acudiu a consultar persoalmente na RRA (área de revisión do árbitro). Pasaron catro minutos máis ata que o árbitro reafirmou a súa decisión. Aketxe tomou a responsabilidade, disparou ao centro, Dimitrievski rozou o coiro e este estrelouse no traveseiro. O rexeite recolleuno o propio gardameta macedonio. Con todo, após retomarse o xogo e deterse nunha acción na que se lesionou Peru Nolaskoain, o árbitro, de novo a instancias do VAR, mandou repetir a pena máxima porque Dimitrievski adiantouse no instante en que Aketxe disparaba. O xogador vasco volveu executar o penalti cando o reloxo xa marcaba o minuto 89. Nesta ocasión disparou á mesma escuadra, adiantando no marcador ao Deportivo.

Parecía que os tres puntos ían quedar por fin na Coruña, pero non puido ser. No segundo dos sete minutos de tempo engadido que marcou o cuarto árbitro, Mujaid saltou apoiándose sobre Qasmi, sen tocar a bóla. Nesta ocasión, Vicandi Garrido non consultou na RRA. Mario Suárez enganou a Dani Giménez para converter o penalti no 3-3 definitivo, xa que o partido quedou finiquitado aínda que se estendeu até o minuto 90+9.

Con este novo empate, o Deportivo sae provisionalmente das posicións de descenso, ao alcanzar os 38 puntos. Os branquiazuis, despois da extraordinaria xeira de 7 triunfos consecutivos, suman agora 7 xornadas seguidas sen gañar. En canto ao rendemento na casa, o conxunto coruñés suma 8 encontros seguidos sen perder en ABANCA-RIAZOR, con 4 vitorias e 4 empates.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Peru Nolaskoain (Montero, min. 89), Salva Ruiz (Hugo Vallejo, min. 46), Agbo, Álex Bergantiños (Emre Çolak, min. 46), Keko (Christian Santos, min. 46), Aketxe, Mollejo e Koné (Borja Valle, min. 67).

Rayo Vallecano: Dimitrievski, Tito, Catena, Milić (Martín, min. 46), Luna (Joni Montiel, min. 90), Óscar Valentín, Mario Suárez, Trejo (Santi Comesaña, min. 53), De Frutos, Juan Villar (Qasmi, min. 53) e Álvaro García (Isi, min. 69).

Goles: 0-1 Juan Villar (min. 1); 0-2 Juan Villar (min. 21); 1-2 Christian Santos (min. 50); 2-2 Mollejo (min. 52); 3-2 Aketxe, de penalti (min. 89); 3-3 Mario Suárez, de penalti (min. 90+3).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Mario Suárez (min. 57), Martín (min. 81) e Dimitrievski (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á 34ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR a porta pechada debido á pandemia do Covid-19.