RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián: "Hai que seguir mellorando e niso estamos"

Adrián López foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo este mediodía, nada máis concluír o adestramento do Deportivo.

Con 1 punto colleitado sobre 6 disputados, indicou que "o primeiro partido de Liga foi moi complicado, contra o Real Madrid. Aínda perdendo 0-3 creo que estivo ben, competímolo. E o partido do outro día (en Valencia) puxémonos 0-2, logo eles foron capaces de darlle a volta. Fóra de casa é moi complicado. Puntuar sempre é importante. Hai que seguir mellorando e niso estamos".

Recoñece que despois do partido no Ciutat de València "quedamos amolados. Vas gañando 0-2, cun máis, ao final que che empaten amólache. Temos que tentar que esas cousas non nos pasen. Se temos a sorte de levar un partido con esa vantaxe pois tentar pechalo, que non nos cren ocasións. E mesmo se podemos facer outro gol para quedar máis tranquilos pois é o obxectivo. O outro día non saíu".

Advirte Adrián que "hai moitos partidos fóra de casa que se van a trabar. Ás veces igual non podes xogar como queres. Iso é así. O importante é que se se dan partidos deses, o equipo puntúe".

A nivel persoal, o xogador asturiano vese "cada día mellor. Cada adestramento, cada minuto que saín para min é moi bo. Son os meus primeiros minutos de partidos. Sinto cada día mellor".

Preguntado por Rubén, sobresaliente en Valencia, recalcou que "tivo traballo e respondeu moi ben. Fixo unhas cantas paradas importantes. Xa non só eu ou Rubén, todo o mundo ten que ir a máis. Isto acaba de empezar. Está claro que o equipo ten que ir mellorando, todos temos que ir mellorando. Ese é o obxectivo de todos".

Tras empezar en banda ante o Levante e acabar arriba ao ser substituído Florin Andone, explica Adrián que "xoguei máis veces arriba. Sen ser un nove de área porque me gusta ter certa mobilidade e caer ás bandas, teño que estar dispoñible para o que o míster me pida. Onde sexa teño que sacar o mellor rendemento para o ben do equipo".

Recalca o dianteiro branquiazul que "non sempre se pode xogar como un quere porque depende un pouco do rival ao que che enfrontas". Iso si, espera que "sempre que teñamos a opción de poder ter balón canto máis mellor tentarémolo facer. E está claro que sempre é importante saber as virtudes que ten o outro rival e onde se lle pode facer dano".

Finalmente do mercado de fichaxes e Lucas Pérez, Adrián dixo que "nós non sabemos máis do que se fala a través de vós (os medios de comunicación). Non sabemos se se conseguirá ou non se conseguirá. Creo que o equipo está máis centrado nos partidos que estamos a xogar, no que estamos a facer. Temos que adestrar. Logo se se pode traer a Lucas será unha boa noticia para todos".