RCD / NOVAS

Adrián: "Imos xogar a matar para tentar gañar ao Barcelona"

26/04/2018 20:09

Adrián López compareceu ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro asturiano, que hoxe volveu a quedar no ximnasio debido a unha contusión que sufriu no pé dereito, confesou que "hoxe estou un pouco mellor. Mañá se todo sigue igual espero poder adestrar co equipo e que vaia ben o pé, que é o pé dos dous partidos anteriores".

Da súa evolución nos próximos días dependerá o concurso de Adrián de cara ao encontro deste domingo 29 de abril no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o FC Barcelona (20:45 horas, Movistar Partidazo): "Espero que poida estar dispoñible, oxalá", conclúe.

Do partido ante o conxunto culé, di que "é un partido moi importante, vital, na nosa casa. Imos xogar a matar para tentar gañalo. Temos enfronte a un Barça que practicamente é campión. Oxalá que veña un pouco máis tranquilo do habitual, xa que ten gañada a liga. Son xogadores que estarán centrados tamén no Mundial, que teñen preto. Oxalá teñan a cabeza máis posta noutras cousas que en facer un partidazo contra nós".

Consciente de que o ambiente no estadio "non será o mellor. Pero nós imos tentar que sexa o mellor. Imos tentar que sexa un partido moi intenso, moi forte desde que pite o árbitro. Oxalá que a afección estea connosco. Eles son moi importantes para nós, para axudarnos a conseguir as vitorias que queremos. Para nós é moi importante o empuxe deles desde o primeiro minuto até o último".

Malia que o Dépor depende dos resultados de Levante e Espanyol, pide Adrián centrarnos "en nós. É o que nós controlamos. Temos que tentar facer 4 partidos moi bos empezando polo do Barça o domingo, que é o que toca. E é a nosa obrigación, dar a vida en cada partido que nos queda e tentar gañar".

Advirte Adrián que o Deportivo debe afrontar esta recta final "sendo un equipo valente, que é capaz de xogar de ti a ti a calquera rival. Por iso temos que saír ao campo a deixarnos a vida e logo aínda por riba hai esa posibilidade, que mentres estea aí hai que tentar collela. Non hai ningunha dúbida".

Recoñece que a situación "se puxo moi complicada. Somos conscientes diso. Tamén sabemos que 100 % non hai nada selado. Nós mentres haxa esperanza imos dar o 200 % até o final. É unha pena que fose tarde cando chegaron estes resultados bos que sacamos desde o Wanda Metropolitano en diante. O equipo leva unha xeira boa, é unha pena que non fose un pouco antes. Aínda queda esperanza pero mentres quede esperanza imos loitar até o final".

Sobre o seu futuro ao acabar a liga, indica que quédalle un ano máis de contrato co FC Porto, "para alí nun principio teño que volver. Xa veremos alí o que pasa".

Finalmente, mostrouse de acordo co corredor que o Dépor realizará ao Barcelona polo seu título recente de campión copeiro: "Estamos totalmente de acordo para darlles o parabén merecido por gañar a Copa".

Máis novas de: ADRIÁN