RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián Lapeña ve a #ANOSAFORZA identificada co equipo e aprecia un xogo "bastante fluído"

Adrián Lapeña, con Ian Mackay un dos fixos para Borja Jiménez no que vai de campaña, atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

Confesa neste sentido que "non me esperaba esta continuidade tan seguida. É verdade que veño coa intención de xogar todos os minutos posibles. Estou a adestrar ben, competindo ben e estoulle devolvendo a confianza ao adestrador".

O central deportivista asegura que o equipo está "listo" para medirse este sábado 30 de outubro ao Zamora CF en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, Footters): "Todas as semanas tratamos de corrixir os erros que se produciron no partido anterior, seguir potenciando as cousas que fixemos ben. O equipo está a adestrar ben, estamos a preparar ben o partido, levamos un bo plan e esperemos que nos salga ben", engade.

Ten neste primeiro tramo da liga sensacións "bastante boas. Estamos a ver ao mesmo Dépor todas as semanas. #ANOSAFORZA identifícase co equipo, estamos a ter un xogo bastante fluído. Os malos resultados que viñeron foron por un pouco de falta de fortuna, pero iso hai que deixalo un pouco á beira. Hai que seguir traballando e mellorando as cousas que nos levan a ter eses erros. En xeral as sensacións son moi boas".

Preguntado polo Zamora CF, Adrián Lapeña espera un rival que "veña un pouquiño a esperarnos, a darnos a pelota porque nós con balón somos un rival que facemos moito dano. Todos os equipos que veñen a ABANCA-RIAZOR esperan puntuar, por tanto o que temos que facer é tentar facer dano canto antes para que non se complique o tema".

A pesar de estar tres partidos sen gañar e do empate do pasado domingo en El Sardinero, o defensor branquiazul insiste en que "o traballo segue sendo o mesmo todas as semanas. Cando gañamos traballamos o mesmo que cando perdemos. Os momentos nos que tivemos a mala xeira penalizáronnos moitísimo os poucos erros que tivemos e todo o que faciamos ben non atopabamos premio. Por tanto tampouco nos volvemos tolos, seguimos facendo o do primeiro día. Iso nun camiño tan longo vainos a vir ben".

Con diferentes compañeiros no lateral dereito desde o arranque da liga, Lapeña opina por exemplo de Víctor, futbolista que ocupou esa demarcación nos últimos partidos, que "é un xogador capaz de asentarse tanto de extremo como de lateral. Eu que xoguei con diferentes laterais, o único que teño que facer é adaptarme a cada xogador, poñerlle as cousas fáciles. Non é o mesmo xogar con Víctor, con Trilli ou con Alberto Benito porque cada un che require dunha cosa pero os tres teñen a capacidade suficiente para xogar de titular e nese camiño é o míster o que ten que decidir".