RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián: "Non hai que facer contas. Hai que gañar"

Adrián López compareceu esta tarde ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro asturiano apunta que esta semana está a ser "de bo traballo. Con ganas de preparar ben os días que nos quedan para a fin de semana, que volve ser un partido importantísimo para nós", en referencia ao encontro do domingo 1 de abril no Estadio Wanda Metropolitano (20:45 horas, Bein LaLiga) fronte ao Atlético de Madrid.

Lembra Adrián o partido da primeira volta, no que o Dépor caeu no Estadio ABANCA-RIAZOR (0-1) cun gol de Thomas Partey case no tempo engadido: "O equipo foi capaz de facer un gran partido a pesar de perder no último minuto por esa falta. É un bo aliciente saber que na primeira volta xogámoslles de ti a ti na nosa casa. A ver se somos capaces de facelo alí".

Preguntado sobre as contas para a salvación, Adrián foi tallante: "Non hai que facer contas. Hai que gañar. Necesitamos gañar xa. Somos conscientes de que quedan 9 partidos, son 27 puntos. Hai unha diferenza que non é fácil de recortar. Todo pasa por tentar conseguir unha vitoria canto antes, tentar encadear 2 ou 3 vitorias. Todo cambiaría. Sería importante lograr algo así para chegar aos últimos partidos con opcións de ter máis preto ao que estea aí".

Iso si, advirte que "non vale de nada pensar en todo iso. É cada partido. Agora é o Atleti, é o que nos vén. É un partido moi difícil pero temos que ir con todo alí a tentar gañar".

Á hora de saltar ao terreo de xogo, pide "deixar todo iso un pouco de lado e pensar nos 3 puntos do partido que estás a xogar. Saber que son 3 puntos de ouro para nós e hai que tentar conseguilos sobre todo para cambiar a situación e ver se somos capaces de manter vitorias consecutivas".

Non cre que sexa un milagre a salvación do Dépor esta temporada: "Un milagre son outras cousas que son moito máis difíciles na vida. Temos que ter fe. É real que estamos vivos ata que as matemáticas non nos digan o contrario. Nós con todo o que nos queda temos que crer. Somos os primeiros que temos que crer porque se non si que non serve de nada xogar os partidos".

Insiste Adrián López que o equipo "está mentalizado de que vai chegar o noso momento e cando chegue hai que tentar collelo con forza, tentar que isto cambie. E se conseguimos unha vitoria, vainos dar moita forza para que despois desa veña outra, e ese é o obxectivo, o pensamento. E logo hai que facelo".

No entanto, percibe que "a xente está amolada porque non é unha situación fácil na que estamos. Claro que pensa que as cousas poidan ir mal ou ir peor. Ese pensamento haino nos afeccionados. Nós desde dentro o único que podemos transmitirlles é que imos estar pelexando até o final a matar, imos dalo todo por esta camiseta até o último momento. A ver se somos capaces de conseguir unha vitoria canto antes".