RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián ve ao Deportivo "cada vez competindo mellor"

Adrián López, despois de recoller o trofeo ao Xogador Estrella correspondente ao mes de decembro, atendeu aos medios de comunicación na Cidade Deportiva de Abegondo.

O dianteiro deportivista advirte que este domingo 21 de xaneiro no Estadio Santiago Bernabéu (16:15 horas, Bein LaLiga) "se somos capaces de facer un bo partido, quizais podamos puntuar alí. É o que temos que tentar facer. O Madrid é o Madrid no seu campo, a pesar de que non estea no seu mellor momento. Houbo equipos que puideron sacar alí puntos e nós imos coa ilusión de sacar algo".

Opina que nos dous últimos partidos, ante Villarreal e Valencia, "se tivésemos un pouco máis de fortuna puidémolos gañar. Ao final sacamos un punto, pero eran rivais complicados. O equipo estivo bastante ben, non nos fixeron demasiadas ocasións. É verdade que cometemos algúns erros e iso fíxonos dano para perder os puntos".

Confesa Adrián que durante a noite do pasado sábado, após o encontro ante o Valencia no Estadio ABANCA-RIAZOR coa súa última ocasión errada que puido supoñer o empate, "estiven bastante tempo pensando na xogada. Tería sido un punto bo, animicamente tería sido bo empatar o partido contra o Valencia perdendo 0-2. Unha pena, fóiseme un pouco arriba. Ás veces non te explicas porqué. Non a enganchei para que me fora máis abaixo. Ás veces eses balóns tes que tentar aseguralos máis abaixo e escapan arriba".

Ve ao equipo "consciente de que fixemos bos partidos ante rivais difíciles. Creo que o equipo competiu, deu a cara. Non creo que merecésemos perder o da Valencia, o do Villarreal quizá tivemos máis opcións que eles. As sensacións en canto ao xogo do equipo están a ser boas. Temos que seguir así".

Iso si, asegura que os xogadores "queremos estar en mellores posicións, queremos gañar. Ao final gañar dáche un pouco de estabilidade. É o que queremos, o que buscamos. Esperemos que chegue pronto. Sabemos que estamos a facer as cousas mellor. Ao final traballando e facendo as cousas así chegarán os resultados".

Nesta liña, e sobre os erros individuais que penalizan ao equipo, insiste en que "nós somos os primeiros que sabemos que fallamos. Pero iso vai pasar en todos os partidos. Hai que quedar co grupo. O grupo cada vez está a competir mellor e estes dous últimos partidos, que son os máis próximos, o equipo deu a cara, competiu ben e poderíanse sacar máis puntos".

Apúntase o atacante deportivista á filosofía do 'partido a partido': "Cada partido que vén é importantísimo porque necesitamos os puntos. É o que temos que pensar, en preparar cada partido para tentar gañalo porque o necesitamos, porque queremos encadear vitorias seguidas que nos darían un punto de ánimo para o equipo. É o que buscamos. Todo pasa por preparar ben cada partido".

Sobre o Real Madrid, Adrián sostén que non está en crise: "Ao Madrid sempre se lle esixe gañar e cando non pasa iso, parece que todo está mal. É o Madrid, en calquera momento pódeche gañar. Hai que facer un gran partido para tentar sacar algo aí".