RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aketxe: "A segunda parte (de onte) é o camiño que ten que coller este equipo"

Ager Aketxe, que sumou o seu cuarto gol en liga onte á noite ante o CD Numancia en ABANCA-RIAZOR, cualificou o resultado do choque (3-3) como "un pau moi duro porque despois de facer unha primeira parte mala sobrepuxémonos moi ben facendo outra segunda moi boa até os últimos 10 minutos, cando nos empezan a remontar. Estamos frustrados. A segunda parte é o camiño que ten que coller este equipo para saír adiante".

O atacante deportivista, do mesmo xeito que onte Mollejo e David Simón en zona mixta, explica así a remontada soriana: "Non soubemos ler ben os últimos minutos de partido. Non sei se por relaxación ou se nese momento non estabamos ben concentrados. Pero nos últimos minutos non poden empatar a 3 na túa casa como estabamos a xogar".

Indiscutible lanzador de faltas, saques de esquina... non cre que o xogo do Dépor se base unicamente nas súas accións a balón parado: "O xogo do Dépor é moito máis que iso. Xa se viu o outro día na segunda parte que xeramos moitas ocasións e non fomos capaces de concretalas".

Admite iso si que se atopa "ben, forte, con ganas. Animicamente estou fresco e confío en sacar isto adiante".

Aketxe non contempla unha substitución no banco e, iso si, pide "mirar todos o que estamos a facer ben, o que estamos a facer mal. E a partir de aí tirar para adiante. Onte por exemplo viuse como nun momento complicado o equipo deu a cara, foi capaz de darlle a volta con minutos moi bos. Temos que agarrarnos a estes minutos".

Recoñece que o equipo é fráxil "en balóns laterais, que non é propio dun equipo como o Dépor. Está a darse así e poñeremos todo da nosa parte para que deixe de selo".

E o sábado 21 de setembro (16:00 horas, #Vamos), o pichichi branquiazul visita co Deportivo ao que foi o seu equipo a pasada campaña, o Cádiz CF: "O ano pasado vivín tempos moi felices. Déronme moito alí. Síntome moi querido na cidade. Para min é un partido bonito. Imos moi necesitados de conseguir puntos. Eles veñen de haber tido unha xeira súper boa que o outro día rompérona en Alcorcón. Queren agora seguir gañando para seguir aí arriba. Nós ao final temos que gañar para volver engancharnos".

Destaca do conxunto amarelo que "ten un míster adecuado para o que xogan e as aspiracións do Cádiz CF. Fixeron un cadro moi completo en todas as liñas e non me sorprende para nada que estean aí arriba".

Vaticina un partido complicado: "En casa é un equipo moi forte. A afección axúdalles moito. Minimiza as virtudes do rival ao máximo. Temos que andar listos e sacar as nosas virtudes a relucir".