RCD / NOVAS

Alba Merino, terceira incorporación do Dépor ABANCA 2018-2019

01/07/2018 12:23

- Foto: Santa Teresa CD -

Alba Merino Sánchez (Guadiana do Caudillo, Badaxoz, 15 de maio de 1989) converteuse no terceiro reforzo do Deportivo ABANCA de cara á temporada 2018-2019.

A centrocampista estremeña conta cunha extensa carreira na Liga Iberdrola. Debutou na máxima categoría en 2003, co Puebla, con só 14 anos, sendo a futbolista máis nova en xogar na Primeira División. Co equipo pacense xogou 4 campañas na división de honra, ás que hai que sumar 11 cursos máis, divididos entre Atlético de Madrid (2007-2011), Levante (2011-2017) e Santa Teresa (2017-2018), para un total de 15.

A excepción do descenso sufrido no curso recentemente finalizado co Santa Teresa, no resto de campañas na Liga Iberdrola os equipos nos que militou Alba sempre finalizaron o campionato entre os 7 primeiros clasificados. Igualmente foi subcampioa da Copa da Raíña co Puebla en 2005.

Ademais, na Temporada 2006-2007, Alba alcanzou a internacionalidad coa selección española sub-19.

Con esta incorporación, Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, conta a día de hoxe con 16 futbolistas: Anita (porteira), Cris, Laura, Mérida, Raquel, Miriam, Érika (defensas), Teresa, Kika, Iris, Alba Merino (centrocampistas), Gaby, Peke, Michelle Romero, Nuria e Ali Muñoz (dianteiras).