RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Albentosa: "As temporadas baséanse en momentos, e este é un deles"

Raúl Albentosa afirmou esta mañá na sala de prensa de Riazor que un triunfo este domingo en #ONOSODERBI ante o RC Celta suporía "un golpe forte. Este tres puntos serían para a moral moi moi bos. Para a moral da afección moito mellor aínda e, de cara ao parón, ir con 30 puntos fai que veñas logo con ansiedade de volver empezar. Con 30 puntos, a falta de 10 partidos... " Sostén o central deportivista que as temporadas "sempre se basean en momentos, e este é un deles".

Opina Albentosa que a chegada de Pepe Mel ao banco de Riazor supuxo "un respiro a todo o mundo. Cando vén un adestrador novo, todo o mundo se pon un pouco máis as pilas porque empezas de cero".

Iso si, confesou o defensor branquiazul que o técnico madrileño "díxonos que non nos sentísemos inferiores a ninguén nin que pensásemos que non eramos bos futbolistas. El veu aquí porque cría que eramos bos futbolistas se non non viría aquí, dixo. Unhas palabras que chegaron a todos os compañeiros, e desde ese momento todo o mundo traballou para poder chegar, para poder estar aliñado. E o chisco de sorte que noutros partidos non tivemos, tivémola".

Ademais, asegura que "o traballo que fixemos durante estes últimos partidos foi moi bo".

Albentosa apunta que ten "moitas ganas de afrontar o partido, de que se nos dea ben", despois da derrota da primeira volta en Vigo. "Agora estamos no momento máis doce de toda a temporada, no mellor momento, e hai que aproveitalo. Agora están a vir os bos resultados e as boas series non hai que parar".