RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Albentosa: "Non me apetecen vacacións, estamos nun momento que podiamos sacar puntos"

Raul Albentosa foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Define o choque deste domingo 18 de decembro en Riazor (18.30, Bein Sports) ante Osasuna como "moi importante. É unha final para nós. Queda moitísimo pero é moi importante, sobre todo para irnos ao Nadal con 16 puntos e un pouco máis de respiro".

Cre que, avanzada a competición como está, "cada partido que se vai, cada punto que se vai é moi importante porque vai quedando menos".

O defensor branquiazul opina que "desde o partido do Sevilla houbo un gran cambio no equipo. Sevilla, Málaga, mesmo Betis alí, e logo o día da Real Sociedade e Madrid. Pero ao final non sacas os puntos e parece que si, que se xoga ben, que dás boa imaxe pero o importante son os puntos. Porque ninguén se acorda disto ao final de tempada. Acórdase se conseguiches os puntos para salvarche ou se chegaches a outras metas. A nosa meta agora é saír aos poucos de aí, facer puntos e o primeiro é este partido. Hai que sacar os tres puntos como sexa".

De Osasuna, desvela que "agora mesmo non me preocupo deles. Preocúpome máis de nós, de como estamos nós. Se animicamente estamos fortes, se temos ganas de ir competir o partido e tentar saír como o día da Real Sociedade. As xogadas que teñas materializalas e que non che metan máis goles".

Asegura Albentosa que "cambiei un pouquiño o 'chip' que tiven. Cando empezas unha temporada e non vai todo o ben que queres, pois é todo negativo, e velo todo un pouquiño negro. Eu cambiei o 'chip' e quero velo todo positivo para tentar que chegue o positivo que son os puntos. O grupo está nun momento que está moi unido. Demostrámolo o día da Real, que era un momento moi difícil porque durmiamos en descenso, o Sporting gañara 3-1, nós tocábanos xogar contra o equipo que máis en forma estaba da liga e ao final gañamos 5-1 e cun moi bo partido. O outro día outra vez escápasenos o partido pero estivemos aí".

Pide "seguir así, unidos. Non sei o que vai pasar nos próximos partidos, pero a min non me apetece vacacións porque creo que estamos nun momento mental e físico que podiamos sacar puntos".