RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Ante as adversidades, ante a expulsión, o equipo reafirmouse nese traballo colectivo"

Álex Bergantiños, capitán do Deportivo onte no Estadio Martínez Valero, subliñou na zona mixta do recinto ilicitano que se atopou “ben” na súa posición no centro da zaga: “Facía tempo que non xogaba aí pero non me é unha posición descoñecida. Toda a miña etapa de canteira fun central e na anterior etapa de Fernando Vázquez xoguei bastante nesta posición. Estiven arroupado por Mujaid e Montero, que fixo un gran partido, ante o acoso do Elche e os centros que sufrimos. Estivemos bastante sólidos”.

O mediocentro coruñés apunta que “o partido se nos complica moito coa expulsión; pero o equipo saíu convencido de volver ser sólido, de non conceder. Tanto con 11 como con 10 soubo sufrir. Sabiamos que o partido podería ir cambiando. Con este escenario que temos, con partidos cada 3 días, con calor como o que facía aquí, con 5 cambios na segunda parte, os partidos cambian moito e sabiamos que teriamos a nosa oportunidade. Por sorte tivemos a ocasión de collelos á contra e poder gañarlles o partido”.

De feito, segundo subliña, "cando tes adversidades reforza moito máis (o triunfo). A maioría do cadro, co que viviu este ano, 18 partidos sen gañar, e os que estamos do ano pasado que quedamos a 1 gol de Primeira División, é duro mentalmente. A base do que nos sacou de aquí cando chegou Fernando Vázquez foi esa solidez e ese bloque. Agora é máis importante que nunca nesta competición exprés, con partidos cada 3 días. Necesitamos a todo o cadro. Percibiuse que todo o mundo estaba implicado, os compañeiros da bancada estiveron metidos 100 %. Ante as adversidades, ante a expulsión, o equipo reafirmouse nese traballo colectivo. Así somos máis fortes e podemos competir mellor os partidos".

Confía en que esta vitoria sexa un punto de inflexión: “O equipo viña empatando moitos partidos. Esta vitoria multiplica todo o que fixemos até agora e sen conceder gol en contra. Temos que retomar esa solidez que nos fixo saír desa situación crítica que tiñamos en Nadal. Pode ser unha mostra do camiño que temos que seguir para conseguir a salvación. Pero nunca sabes. Nesta categoría hai moita igualdade e son pequenos detalles".

Álex opina que tralo confinamento, "empezamos cunha idea de tentar presionar máis, ser máis protagonistas. É certo que nos fixo remontar partidos como Oviedo ou Rayo; pero tamén nos volve un pouco máis imprevisibles e vulnerables. Hoxe apostamos máis polo que nos sacou da situación crítica, por esa solidez, estar xuntos, acumular xente para ir crecendo. Daquela a expulsión cambia todo o escenario. É un punto de partida para tentar volver crecer. Os partidos antes do parón o equipo estaba a crecer con balón desde esa solidez. O equipo ten bases para a partir de aí recuperar esas boas sensacións".

A nivel individual, o futbolista branquiazul lembra que de mediocentro "xoguei moitos partidos durante o ano. O outro día contra o Raio quizais non estiven tan cómodo. Pero cada partido é moi distinto. É unha posición (a de central) que non me é estraña. Sempre me formei como xogador nesa posición, coñézoa ben e tentei estar o máis concentrado posible".