RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños, cauto: "Non temos nada feito. Temos que seguir traballando ben para certificar a salvación"

Alex Bergantiños recolleu esta mañá en Abegondo o premio ao xogador Estrella Galicia correspondente ao pasado mes de marzo.

Nas súas palabras aos medios de comunicación, manifestou que "calquera premio sempre é agradable. É un bo momento despois da vitoria. Vese todo moito mellor esta semana. Non temos nada feito. Temos que seguir traballando ben para certificar a salvación".

Recoñece o mediocentro coruñés, iso si, que o triunfo sobre o Málaga foi "fundamental. Estabamos a complicarnos demasiado e gañar outra vez en casa era moi necesario. Contentos por sacar o partido adiante, por non recaer neses síntomas de nerviosismo e de achegarnos demasiado ao descenso".

Cre ademais que a xornada "foi redonda en canto a resultados. Satisfeitos de como foi a semana, sabendo que non está feito e de que aínda temos que traballar para os partidos que veñen difíciles".

Explicou que Joselu, en referencia ao sucedido ante o Málaga, "desculpouse no vestiario. Son cousas de dentro do vestiario. Tratamos o tema. Falamos acerca diso. Tentaremos corrixir ese tipo de actitudes. El mesmo é o primeiro que pediu desculpas. Equivocouse ao momento. Son cousas que pasaron miles de veces nos equipos de fútbol pero sempre son desagradables".

Pregúntase Álex Bergantiños se "¿alguén pode garantir que se perdemos todos os partidos ata o final esteamos salvados? Penso que non. Temos que ser profesionais, temos que facer puntos, quedar o máis arriba posible que son ingresos para o Club. Hai que manter esta tensión porque nunca sabes como te podes complicar. Agora véñennos dous partidos moi difíciles: Real Sociedade fóra e Real Madrid en casa. Igual dentro de dúas semanas se non puntuamos volvemos estar preto".

Por conseguinte, pide o capitán deportivista "ter a mente fría e traballar diariamente ata que estea conseguida (a salvación). E unha vez conseguida, tentar quedar o máis arriba posible que é un maior desafogo para nós e para a afección".