RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños convértese no 18º deportivista en alcanzar os 300 partidos oficiais

Álex Bergantiños entra hoxe de cheo en #ANOSAHISTORIA ao converterse no décimo oitavo dos máis de mil futbolistas que disputaron algún partido oficial co RC Deportivo que alcanza os 300 encontros defendendo a camiseta branquiazul.

Pasou pouco máis dunha década do seu tardío debut oficial co primeiro equipo deportivista, pois antes de dar o salto foi cedido a Xerez CD durante dúas campañas, mentres que noutra máis estivo a préstamo no Granada CF e o Gimnàstic de Tarragona. Álex estreouse co Dépor con 26 anos, o 27 de agosto de 2011, en partido de Segunda División en Riazor ante o Recreativo de Huelva (1-0).

Con anterioridade, Álex disputara diversos amigables co primeiro equipo. O primeiro deles remóntase ao 29 de marzo de 2005, cando o Dépor mediuse ao Atlético Arteixo (6-0) en Riazor nun choque benéfico para recadar fondos para o conxunto branquivermello debido á súa precaria situación económica.

Álex asinou 10 goles, algún deles histórico como os logrados no Camp Nou (2-2) na Temporada 2015-16 e un curso despois na vitoria ante o FC Barcelona en Riazor (2-1).

Álex pertence á disciplina deportivista desde que ingresou no Club sendo xuvenil, en 2002. Desde a súa chegada procedente do Imperátor OAR son xa 20 temporadas como branquiazul. En 4 delas (2004-2008) formou parte do Fabril, co que disputou 152 partidos que o converten no 11º xogador que máis encontros disputou na historia do filial.

Máis aló das súas actuacións co Deportivo e o Fabril, Álex demostrou ser un exemplo de responsabilidade fóra do campo e de compromiso e limpeza dentro del. Isto último demóstrao o feito de que nos seus máis de 450 partidos no fútbol profesional nunca viu unha cartolina vermella.

Ademais, Álex é o cuarto futbolista nado na Coruña que alcanza as 300 aparicións co equipo da súa cidade. Con anterioridade soamente lográrono Juan Acuña, Jorge e Loureda.

Para elaborar esta lista, o RC Deportivo toma en conta calquera encontro no que o xogador saltase polo menos un minuto ao terreo de xogo co primeiro equipo en Liga –xa sexa en Primeira, Segunda, Primera RFEF, Segunda B ou Terceira–, Copa de España, Supercopa de España, Copa da Liga, promocións entre Primeira e Segunda e entre Segunda e Terceira, Liga de Campións, Recopa de Europa, Copa da UEFA, Copa Intertoto e Campionato de Galicia –disputado entre 1917 e 1940–, ademais de calquera partido anterior a 1917 a pesar de non ser considerados oficiais.

Estes son os 18 futbolistas que disputaron máis de 300 partidos oficiais co RC Deportivo:

Xogador Partidos Anos
1 Fran 700 1987-2005
2 Manuel Pablo 482 1998-2016
3 Mauro Silva 459 1992-2005
4 Valerón 422 2000-2013
5 Donato 393 1993-2003
6 Sergio 383 2001-2010
7 Juan Acuña 380 1937-1955
8 Piña 340 1973-1983
9 Pancho García 331 1975-1985
10 Domínguez 327 1960-1971
11 Vicente 325 1980-1989
12 Jorge 323 1977-1991
13 Loureda 319 1962-1974
14 Romero 306 1998-2006
15 Silvi 305 1980-1988
16 Guimeráns 304 1937-1950
17 Scaloni 301 1997-2006
18 Álex Bergantiños 300 2011-2017 / 2018-2022