RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños cre que coa segunda parte en Santander, "o equipo saíu reforzado animicamente"

Álex Bergantiños pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista admite que na primeira parte do pasado sábado en El Sardinero "non lemos ben o partido". Pide corrixir os erros sobre todo deses primeiros 45 minutos e "afianzar as cousas que saíron ben na segunda metade para ir mellorando e ter continuidade".

Cre que na primeira metade faltoulle ao Dépor "no inicio esa sensación que temos de equipo que leva tanto tempo sen gañar reflectiuse no seu gol. Non querer facer penalti, non querer encaixar cedo fai que non fagas cousas que adoitas facer. E ao final o único disparo a porta foi o gol que nos fixeron. Neste aspecto o equipo estivo máis consistente e tentaremos darlle continuidade a iso. Facernos máis sólidos e minimizar as accións do rival".

Insiste en que o Dépor "saíu reforzado nesta segunda parte a nivel anímico do que pode facer fóra de ABANCA-RIAZOR. Cun resultado en contra, cunhas malas sensacións no descanso, este tipo de momentos reforzan a un grupo. Oxalá podamos conseguir por fin esa vitoria que libere esa sensación de que non somos capaces de gañar. A ver se podemos dar continuidade e saír ao partido con esa sensación de confianza en nós mesmos e de unión para poder poñernos por diante e ir crecendo co paso dos minutos, e non ir sempre a remolque".

O mediocentro coruñés queda pois cos segundos 45 minutos en Santander, nos que o equipo "sentiuse moito máis cómodo. Non nos tiraron ningún tiro a porta. Hai que tentar manter as cousas nas que o equipo séntese ben e que ademais lle dan resultado".

Preguntado por Luis César, comentou que co técnico deportivista "estamos a facer un traballo moi bo durante a semana. Non é un momento fácil porque chega a un grupo que está animicamente débil, con xente nova tamén que non estivo nestas situacións e nun club como o Dépor, coa esixencia que ten. Está a traballar todas as facetas e espero que o traballo dea os seus froitos co tempo. Está a tentar mellorar en moitas facetas que non estabamos a facer ben. Creo que o grupo o está seguindo e está a crer todo o que nos está marcando. Son moitas cousas que hai que mellorar".

Con outro partido lonxe de ABANCA-RIAZOR, o sábado 2 de novembro en Fuenlabrada (16:00 horas, Movistar LaLiga 1), Álex apunta que "xogamos contra 2 equipos en descenso, pero o Málaga gañou 2 partidos seguidos e pegou un salto na clasificación. E o Racing pódeo facer en calquera momento. E o Fuenlabrada que está arriba, pode caer. Para min é un pouco indiferente o rival. O feito de xogar fóra e acabado con boas sensacións fai que non nos vinga mal xogar de novo fóra e cun equipo que está arriba. Se sae ben vai reforzar moito máis ao equipo contra un rival que está forte no seu campo. Oxalá sexa así. Prefiro xogar fóra e contra un equipo de arriba agora mesmo. Temos que gañar sexa onde sexa e de gañar, o reforzo será maior se o encontro é de máis dificultade".

Finalmente, rememora o bonito final do partido en El Sardinero, cunha comuñón entre afeccionados e xogadores aplaudíndose mutuamente: "Saíunos bastante natural. Os xogadores estamos a pasalo mal, os afeccionados tamén. O feito de que a xente se pegue a malleira en autobús, en coches particulares e o apoio que sentimos no campo, a pesar de ser pechacancelas e ir perdendo, a xente creu en nós e empuxou en todo momento. Era un signo de agradecemento cara a eles polo esforzo e por manter a confianza en nós. Nese aspecto, o grupo está a percibir que a pesar dos malos resultados e á situación na que estamos, a afección está a empuxar e respectando o noso traballo, vendo que o equipo se vai a esforzar e ten que tentar saír desta dinámica negativa".

Do CF Fuenlabrada destaca que é un equipo "que está no ano soñado dos recentemente ascendidos. Non ten nada que perder. Empézanlle a saír ben as cousas. É a situación do Granada en Primeira. Empezaron moi ben e todo o que veña a maiores pois será sen presión. É a situación soñada por calquera equipo, estar por riba das expectativas iniciais. Contra iso temos que loitar nós, que é todo o contrario. Un equipo que está por baixo das expectativas".