RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "O equipo está interiorizando ben a humildade necesaria para competir"

Álex Bergantiños atendeu esta mañá os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista subliña que "é sorprendente que o Deportivo estea nesta categoría e loxicamente hai moitos rivais que vexan moi díficil ou case imposible enfrontarse a este tipo de rivais pola súa estrutura, pola súa capacidade para chegar a categorías superiores".

Por conseguinte, admite que "é un reclamo ver a un Deportivo, a un equipo histórico, a un campéon de liga e de títulos como o centenariazo. É moi atractivo e a pena seguramente para todos os equipos é que teña que ser sen público porque este tipo de alicientes para eles suporíalle moito máis, como pasa por exemplo na Copa do Rei. Somos o rival a bater nesta categoría por historia, por nome. O equipo está interiorizando ben a humildade necesaria para competir. Estamos plenamente integrados na categoría, sabendo que somos un equipo máis e que temos que pelexar contra iso, contra ese plus que poden ter os rivais contra nós".

Fai un balance "positivo" do que vai de temporada: "Ao final sempre que hai un cambio de categoría, de cadro; que ti poidas competir sacando puntos é moi bo. Son unhas boas bases para sentar a temporada e nese aspecto estamos moi contentos. Estamos a ser un equipo sólido. Só encaixamos un gol que tamén é moi positivo e fala moi ben de como está a traballar o equipo".

Advirte que en estadios como o de Guijuelo este domingo 22 de novembro (17:00 horas, Footters) "iguálase todo moito máis. Os partidos son máis imprevisibles. Polo que sabemos é un campo que pode haber bastante aire. Serán condicións diferentes. En Unionistas déusenos moi ben sobre todo por iniciar con ese gol temperán que nos deu confianza. Pero sabemos que son partidos nos que che penaliza calquera erro. Tes que estar concentrado 100 % todas as accións porque calquera segunda xogada, calquera bote, calquera mal control pódeche penalizar. E iso nótase moito máis que nun partido nun campo con herba normal. Imos mentalizados con esa boa experiencia de Unionistas".

Álex Bergantiños lembra que ao tratarse dun cadro novo "hai que xerar sinerxías novas, automatismos novos e sempre custa todas as temporadas. E máis co engadido este ano que parece que somos o rival a bater, que todo o que non sexa gañar e gañar holgadamente parece que saiba a pouco a todo o mundo. Contra iso é difícil manter a mente fría. Nese aspecto o equipo está a competir, está a manexarse en resultados axustados que ao final hoxe en día en calquera categoría é iso".

Finalmente, preguntado sobre as últimas declaracións de Javier Tebas, presidente da LFP, nas que denunciaba no diario Marca presións das autoridades galegas e irregularidades na Xunta de Galicia en referencia ao caso Fuenlabrada, o capitán deportivista foi contundente: "Non me sorprende de quen vén. El escolle moi ben onde vai falar, cos seus medios. Espero que ao final teña que pasar a declarar e explicar o que fixeron, como o fixeron, se tentaron ou non saír da cidade... Moitas cousas que están no aire. Agora é a estratexia que está a mostrar, que pareza unha cousa dos galegos, dos coruñeses. Eu estou moi tranquilo. O Club, a cidade actuou en todo momento con responsabilidade. Estou moi orgulloso diso. Eu irei a calquera xuíz a defender o que fixemos aquí e a ver se eles, se a liga, se Tebas poden facer o mesmo e van onde teñen que facelo".