RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños pide unión e "apoiar á nova dirección", pois "a súa sorte será a de todos os deportivistas"

Álex Bergantiños, como primeiro capitán, foi o portavoz do cadro esta mañá, concluído o adestramento en Abegondo e unha vez presentado o novo Consello de Administración liderado por Paco Zas.

O mediocentro coruñés, aínda que comprende que nun proceso electoral con varios candidatos "é normal que non todo o mundo salga contento", pediu "respectar o que se decidiu" polos donos do Club, os accionistas, "e apoiar ao máximo á nosa nova Dirección. A súa sorte será a de todos os deportivistas".

Ademais, lanzou unha "mensaxe de unidade a todo o deportivismo. Que todos se enfoquen neste tramo final de temporada e que se deixen de lado comparacións cunha época ou outra porque creo que desvía a atención do que realmente importa para o deportivismo, que é o plano deportivo".

Preguntado por Iñigo López, ausente en Abegondo debido a unha investigación xudicial, o capitán branquiazul transmitiu en nome do cadro "o máximo respecto a Iñigo, á súa presunción de inocencia, e á súa familia tamén. Ter coidado entre todos de non manchar nomes ata que a investigación non avance e non haxa sentenzas dos actos que se lle pode acusar a el e ao resto de xente".

No plano estritamente deportivo, destaca que "o positivo das dúas últimas xornadas é que todos xogamos ao mesmo tempo e non vai haber tempo de facer contas. Temos que estar centrados no noso partido. Se non gañamos non temos ningunha posibilidade. Seguimos estando sétimos e fóra do playoff. A única maneira de conseguir entrar é tentar gañar os dous partidos. Ao final na xornada 42 verase quen chegou mellor ao final".

Recomenda Álex Bergantiños este domingo 2 de xuño no Estadio Martínez Valero de Elxe (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) "manter esa calma na toma de decisións con pulsacións altas, en partidos de máxima tensión. Oxalá que este final feliz do luns ante o Mallorca sirva para manexar mellor eses momentos de partido e estar máis próximos a decidir mellor e non chegar ao desconto para sacar o partido adiante".

Do Elche, apunta que "sairá con obxectivos de quedar o máis arriba posible, por incentivos ou por orgullo persoal. Están a facer unha boa temporada, están con confianza. Pode ser máis importante a confianza que eles teñen, a dinámica boa de resultados que teñen. Quererano demostrar e manter até o final".