RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Temos materia prima para poder facer unha boa temporada"

Álex Bergantiños, que estivo hai dúas temporada cedido no Sporting de Gijón, recoñeceu esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que regresar a El Molinón "é especial para min. A pesar de estar só un ano estiven moi a gusto. Fun moi feliz alí con toda a xente do club, da cidade. Sempre é especial volver e reencontrarme con amigos que teño alí e cos que manteño moi boa relación. Un sitio especial e bonito para min".

Cualificou ao rival, o cadro sportinguista, como "un equipo importante con ese estadio e esa afección que ten un volume importante cada fin de semana. Este ano fixeron un cadro máis completo e son aspirantes a todo, dentro da igualdade que sempre ten esta categoría. Teñen unha base importante da temporada pasada, reforzada con xogadores de gran cartel na categoría. Despois veremos até onde chegamos cada equipo. É un equipo a ter moi en conta".

O centrocampista coruñés asegura que o vestiario é consciente da categoría e da situación actual do Dépor: "Haberá 10, 12 ou 14 equipos con opcións de facer un bo ano. Nós temos materia prima para poder facer unha boa temporada. Hai condicionantes que che lastran un pouco ao principio pola situación actual do fútbol co mercado aberto 3 xornadas despois do inicio da liga, ou a situación de ter que sacar xogadores polos límites salariais. Están a condicionar a equipos do noso perfil pero xa é pasado. Non pode servir de escusa. Temos que adaptarnos á competición, que non che espera, e canto antes. Tentar chegar a nivel real que pode ter este grupo e competir moito mellor, que creo que estamos capacitados para facelo".

Advirte o capitán deportivista que no proceso de conxunción de todas as pezas, após chegar 5 futbolistas o último día do mercado de fichaxes, "se os resultados tardan máis en chegar haberá máis dúbidas. Temos que tentar que canto antes as cousas básicas sexan comúns para todos. A partir de aí tentar ir crecendo. Se os resultados acompañan, ese proceso será moito máis rápido e se non, coas dúbidas, tardaremos un pouco máis".

Dada a situación clasificatoria do Dépor, opina Álex que "é mellor ir a un campo onde haxa un ambientazo, que é case un derbi por como se viven aquí os enfrontamentos Dépor-Sporting. Pode ser un reforzo que se multiplique se conseguimos gañar aí. Son os partidos que todo xogador quere xogar, con ambiente, con expectación e ese grao de adrenalina extra. Se somos capaces de facer un bo partido e sacar un bo resultado, pode multiplicar o efecto".

Engade que os xogadores branquiazuis están "doídos pola xeira que levamos e tentando corrixir cousas e conjuntarnos. Tentando adaptar a toda a xente que chegou hai pouco e preparando da mellor maneira o partido de El Molinón", deste domingo 15 de setembro ante o Sporting de Gijón (21:00 horas, Gol).

Admite preocupación ademais no vestiario: "Perder 3 partidos consecutivos doe e preocúpache. Faiche quizais ter máis dúbidas á hora de facer o teu traballo ou de como buscar solucións para reverter a situación. Temos a frialdade de analizar os condicionantes que hai. O feito de ser un equipo novo e en construción. Tamén houbo cousas que fixemos ben durante os partidos que non tivemos o premio que debésemos, sobre todo neste último partido".

A nivel persoal, trala lesión na boca sufrida no playoff ante o Real Mallorca en ABANCA-RIAZOR que lle impediu xogar o partido de volta en Son Moix, afirma estar "cada vez mellor. É verdade que tiven algunhas secuelas en pretemporada. Pola miña constitución, sempre fun un pouco diésel, cústame arrancar as temporadas. Este ano un pouco máis polo tema da operación, que carrexou algúns problemas co pescozo, as costas. Sempre me limita un pouco pola tensión que tiven en toda esa zona. Pero cada vez moito mellor. Apenas sinto secuelas na boca, a inflamación non existe. Por sorte vou cada día mellorando e síntome mellor".