RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Temos vimbias para facelo mellor e non o fixemos"

Álex Bergantiños, un dos capitáns do Deportivo, foi rotundo esta mañá na sala de prensa de Abegondo: "O rendemento global do grupo non está a ser o que nos gustaría e o que creo que debería ter. Ao final a clasificación demóstrao. Estamos aí por méritos propios. A afección non se merece que teñamos outro ano de sufrimento e menos esta temporada cos puntos que teñen os de abaixo".

Subliña que "a liga che pon no teu sitio. Temos vimbias para facelo mellor e non o fixemos". É máis, explica que "temos xogadores para estar mellor pero o funcionamento do grupo non está a ser o correcto e a clasificación está a pornos no noso sitio".

O mediocentro coruñés insiste en que "se non recuperamos a nosa mellor versión grupal, vai ser complicado que gañemos algún partido de aquí ao final. A imaxe que estamos a dar nos últimos partidos e esa sensación de non estar unidos, de non ser fortes colectivamente, o equipo é fráxil e estase demostrando".

Lembrou que en San Sebastián, Sevilla, Valencia, as últimas saídas do Deportivo en liga, "o equipo foi moi fráxil, encaixando demasiados goles. Ao final temos xogadores bos pero se non somos fortes como colectivo, nunha liga como a española non sacas puntos. Iso estase vendo".

Xulga fundamental "recuperar ese pico de intensidade que tivemos co cambio de adestrador. E volver ser ese equipo para volver sacar puntos de aquí ao final".

Álex non sabe se houbo ou non relaxación ao verse moi preto de lograr o obxectivo da permanencia, pero sostén que "o nivel noso non está a ser o correcto e sobre todo colectivamente. Nos partidos non estamos todo o cohesionados que debésemos. Ao final reflíctese na imaxe que estamos a dar. O equipo non está compacto, non está a dar a imaxe que deu nos primeiros partidos do cambio de adestrador". "Colectivamente non estamos a dar o nivel e se non remamos unidos e xuntos para sacar rendemento ao que somos, reflíctese nos partidos", engade.

Eloxia ao deportivismo: A Coruña ten unha afección espectacular. Mesmo nestes anos de dificultades, de descensos, de sufrimento, está a mostrar sempre a súa fidelidade ao Club. É a clave do Deportivo. Nestes momentos que economicamente son difíciles para o Club, a base é a xente. Sempre é exemplar a afección tanto en casa como nos desprazamentos".

Solicita Álex Bergantiños que "nas próximas temporadas o equipo creza, que o equipo teña mellor rendemento, mellores xogadores e poida demostrar un rendemento ilusionante á afección para que manteña esa fidelidade, esa ilusión por ir a Riazor".

Sobre Osasuna, rival este domingo 30 de abril no Sadar (12:00, Bein Sports), lembra que "nos últimos partidos en casa deron un bo rendemento, con xente nova, xente que quere demostrar para a temporada que vén, que pode ter o nivel para seguir no Club. Gañaron ao Leganés, case gañan ao Sporting. Vai ser un partido moi incómodo, moi complicado para nós. Son un equipo que en casa ten esa esencia de equipo intenso, de meter balóns á área, de ser fortes defensivamente. Vai ser un partido nun campo difícil".