RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños ve unha "progresión positiva" no Dépor

Álex Bergantiños, un dos futbolistas con máis experiencia en LaLiga 1|2|3, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O capitán deportivista advirte que agora, despois de pasar 3 dos 'galos' polo Estadio ABANCA-RIAZOR (Sporting de Gijón, Granada e Málaga), "igual veñen rivais de abaixo que xogan de forma diferente e complícannos doutra maneira. Non temos que mirar tanto os rivais e si o que estamos a facer nós, como estamos a crecer como equipo".

Nesta liña, cre o futbolista coruñés que "o equipo vai a máis e tendo máis recursos para dominar os partidos e ter opcións, independentemente do rival que teñamos diante. A categoría é súper igualada e todos os rivais teñen os seus factores que poden facer dano".

Despois de 15 puntos de 24 posibles, Álex fai unha lectura positiva: "Ben pola imaxe, difícil de conseguir no inicio con tanto cambio de xogadores, adestrador, idea de xogo. A progresión é positiva, con tantos partidos ademais fóra de casa. E crecendo. O difícil disto é mantelo e seguir progresando. As bases son boas. Estamos nunha posición correcta. Podiamos ter algún punto máis pero estamos ben situados".

Ademais, subliña a sensación de bloque: "Todos xa tivemos participación. Está a verse que todos somos importantes e temos un nivel similar para unha competición tan longa como esta. Isto dá confianza a todo o cadro para pensar que a medida que avance a competición ímonos a manter aí, nas posicións altas da táboa".

Onte marchouse do estadio "cunha sensación agridoce. Tiñamos ganas de gañar, de achegarnos ao Málaga na clasificación. O partido en cómputo global en canto a opcións estivemos máis preto de gañalo nós. Ao final quédanos o sabor do empate despois de ir perdendo tamén, que creo é positivo. E aguantar os últimos minutos cun xogador menos. O traballo do equipo é positivo e con iso hai que quedar".

Cualifica de "clave" a xogada da expulsión de Quique González: "O equipo estaba a crer na remontada. Empataramos antes. Creo que era o momento de, coa axuda da afección, poder gañalo. Ao final aguantamos ben con 10 e non pasamos moitos apuros".

Confesa haberlle dito ao colexiado do encontro, no momento que lle mostraba a vermella ao dianteiro deportivista que "era a primeira vez que alguén vía a vermella por tentar facer unha chilena. Interpretouno así. Non podemos facer nada despois de que o expulsou. Por desgraza privounos un pouco dese ímpeto final".

Á súa vez, declarou que o árbitro "comentaba que non podía permitir unha patada así. Ao final é interpretación no campo. El asustouse demasiado por ver o pé tan alto. En ningún momento Quique ve ao outro xogador e aprecia unha disputa nobre polo balón. É certo que pode ser xogo perigoso, pero é excesiva esa expulsión".

Lamentouse de que o VAR non estea presente en Segunda "para xulgar este tipo de accións porque se está vendo que en Primeira si que están a solucionar bastantes situacións". "Está a dar bo rendemento sobre todo en fóras de xogo que son difíciles de ver ou decisións rápidas en canto a expulsións. É unha axuda extra para os colexiados que tamén lles dá tranquilidade á hora de tomar esas decisións", apostila.

Opina que o Dépor non ten un cadro dos típicos para sufrir xa 3 expulsións como as que leva até o momento en liga, e explica cada situación: "A primeira de Michael (Krohn-Dehli en Albacete) é por unha protesta ao árbitro. A de onte comentámola. Quizais a única xusta sexa a outra de Michael, que é unha dobre amarela, por un agarrón a segunda (en Alcorcón). Sufrimos moitísimas máis faltas todos os partidos que os rivais, que levan máis amarelas que nós porque estamos a dominar os partidos e facendo moitísimas menos faltas. Onte dobrounos o Málaga en faltas. En Alcorcón algo parecido. Non ten moito que ver o concepto de xogo que estamos a propoñer con estas expulsións, que foron situacións puntuais que non teñen que ver coa forma de xogar".

Do Elche, rival este venres 12 de outubro (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) en ABANCA-RIAZOR, Álex Bergantiños defíneo como "un recentemente ascendido enganoso, como o Mallorca. Son equipos con historia, con boas posibilidades, de cidades importantes e sen a presión doutras cidades por ser recentemente ascendidos. Están a se adaptar ben á categoría. É un equipo difícil de bater que seguramente veña aquí con nada que perder. Quizais vexamos cousas diferentes a outros rivais que igual nos xogan máis de ti a ti, ou con outro respecto diferente".