RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex cre que a Copa "nos vai vir ben" pero logo pide "centrar os esforzos na liga, que é o fundamental"

O capitán Álex Bergantiños abriu a semana de comparecencias telemáticas na sala de prensa de Abegondo.

Márcase como obxectivo nestes días "recuperar á xente porque temos varios xogadores que se foron de vacacións e aínda están con molestias agora. Temos un cadro curto e o máis importante é ter un número de efectivos importante para volver competir en liga, que é o que nos importa a nós".

Opina que o partido da segunda eliminatoria de Copa de SM O Rei do mércores 6 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas) ante o Deportivo Alavés, "vainos vir ben porque vai ser o único partido en todo o ano que non teñamos o papel de favoritos. Vaille vir ben ao equipo e pase o que pase creo que lle vai dar confianza. Vénnos nun bo momento para logo seguir matizando cousas: xogar un partido liberado desa esixencia que quizais non estamos a xestionar o mellor posible",

Logo pide "centrar os esforzos na liga que é o fundamental para nós. E sobre todo este ano, con este formato de competición tan curto, dáche moi pouca marxe de erro".

En 2021 Álex espera "que o Dépor volva ao fútbol profesional á primeira. 2020 foi un ano moi duro en todos os sentidos, con todo o que nos tocou vivir con esta pandemia; a nivel deportivo o que pasou e como se deu toda a situación. Foi duro pero hai que afrontar as situacións que van pasando. Oxalá que neste cambio de ano se vaia recuperando un pouco todo, especialmente no tema sanitario: que nos permita volver á normalidade, que podamos volver xogar partidos con xente, que todo sexa o máis parecido ao de antes deste 2020. No puramente deportivo, que consigamos devolver ao Dépor ao fútbol profesional, que é fundamental para a cidade, para o club e para todos".

Presume de #ANOSACANTEIRA xa no primeiro equipo: "Mujaid é o que máis xogou. Gandoy, Valín están a ter minutos. Valín tivo lesións e custoulle máis ter continuidade pero Gandoy está a entrar en todos os partidos. Xogou algúns de titular".

Iso si, advirte que esa chegada de canteiráns é un proceso "que ten que ir aos poucos. Estar nunha categoría máis baixa vai á acelerar ou permitir que o salto sexa menos custoso que cando se estaba en Primeira. Aí o salto de nivel é máis cualitativo e cuantitativo. Hai que ter paciencia e apostar".

Nesta liña, celebra que "o Fabril se rexuveneceu moito. Cada vez hai máis xogadores en idade xuvenil que xa están a competir. Están a acurtarse os prazos con respecto a anos anteriores ou á miña xeración, que era moito máis complicado. Hoxe en día o fútbol vai máis rápido. O que estea a dar o nivel ten que competir máis arriba canto antes para acelerar ese proceso. É un traballo que en #ANOSACANTEIRA está a cambiarse. Oxalá que co paso do tempo haxa máis xogadores arriba".

Lembra o futbolista coruñés que "desde o principio de temporada sabiamos da esixencia que supón este reto para todos. É unha situación anómala que o Dépor estea en Segunda B. Os xogadores que viñeron este ano teñen unha esixencia e unha mentalidade de ter que conseguir o ascenso si ou si. Por iso o difícil é estar preparado para estes golpes que che vai dando a competición. Iso estámolo tentando traballar todos".

Admite que a única derrota no que vai de liga "doeu moito porque era xusto antes do parón, o equipo viña sen perder, o rival pode ser o máis doloroso a nivel afección e sempre ten máis repercusión. Pero quizais estes golpes mellor que vaian vindo neste momento. Hai moito camiño que percorrer".

Tiña claro Álex, do mesmo xeito que o resto do vestiario, que "as derrotas ían aparecer. En ningunha competición do mundo hai un equipo que non perda partidos. Nós somos un equipo de Segunda B e perdemos contra un equipo de Segunda B. Temos que centrarnos nas cousas que fixemos ben e que non fixemos ben nese partido; sabendo que por moito que desbasta, para nós ten que ser unha lección das cousas que non fixemos ben. E logo seguir mellorando como equipo".

Finalmente, subliña que "Fernando Vázquez ten experiencia suficiente para saber que isto podía suceder. Ao final o fútbol é presente. Se gañamos en Zamora todo volverá ser de cor de rosas. Temos que estar preparados para afrontar este tipo de situacións",