RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex destaca no playoff o aspecto anímico e Dani Giménez cre que a tensión vivida na liga "pode axudar agora"

Os capitáns Álex Bergantiños e Dani Giménez atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O mediocentro coruñés apunta que no playoff que arranca este mércores ante o Málaga CF "prima máis o anímico. Son partidos nos que o emocional xoga moito, estar sempre concentrado, os pequenos detalles, e saber que calquera acción pode ser definitiva".

Álex cre que entrar neste playoff é "un obxectivo mínimo. Estivemos moi lonxe del. Démolo case por perdido despois das derrotas ante Rayo Majadahonda e Extremadura. O equipo demostrou a fortaleza como grupo, de pelexar até o final".

Desexa o primeiro capitán branquiazul que a afección o mércores "estea como hoxe, empuxando, que nos axude nos malos momentos que vai haber. Necesitamos deles".

Pola súa banda, Dani Giménez confesou estar "moi contento. Non unha alegría desmedida porque sabemos que hai que descansar. Imos celebralo hoxe ceando tranquilamente e xa mañá pensando en recuperarnos porque o mércores seguimos con partidos importantes e con finais".

O meta deportivista recalca que "o próximo partido volve ser o máis importante do ano. Levamos arrastrando nas últimas xornadas partidos cunha tensión e unha presión enormes. Espero que nos valla tamén para o playoff".

Destacou o papel da afección, que "estivo nas boas e nas malas. Ao final a maneira de recompensarlles é devolverlles esa ilusión que eles poñen en todos os partidos aquí en ABANCA-RIAZOR e tentar conseguir o ascenso por eles, por nós evidentemente pero por eles".