RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex lembra que na liga a clave é "manter a estabilidade, ser o máis regulares posibles"

Álex Bergantiños regresa este domingo 27 de xaneiro (18:00 horas, Movistar Partidazo) a Xixón despois de xogar a temporada pasada no Sporting cedido polo Deportivo: "É recente o xogar alí. Non me pasou na miña carreira o volver así a un campo no que estiveches. A pesar de que só foi un ano, foi un ano moi intenso e moi ilusionante para min. Teño moi bos recordos e vai ser especial volver a ese campo como visitante".

Lembra desa temporada con agarimo "á xente, o día a día. Con quen máis convives é cos empregados, cos compañeiros. Son cos que estás máis tempo e os que me trataron dunha maneira excepcional, con moito respecto, con moito agarimo. Sigo mantendo moito contacto con eles. É emocionante reencontrarche e verche dentro de todo o que move un partido destas características".

Confesa que o seu paso polo Sporting "veume moi ben para volver sentirme xogador, porque estaba a xogar pouco. Limpar un pouco a mente dos anos que levaba aquí, con tanta esixencia e presión por ser de casa; das temporadas que vivimos internamente e coa situación de estar sempre ao bordo do descenso. Limpar un pouco a mente, volver centrarme en xogar e gozar. Alí abríronme as portas en todos os aspectos desde que cheguei e gocei moito desta temporada".

En canto á súa relación coa afección sportinguista, "ao principio era un pouco escéptica coa miña incorporación porque viña de estar sen xogar e pola idade. A xente alí pide xogadores de Mareo. Aos poucos, con traballo e co bo traballo do equipo a xente foime collendo máis agarimo".

Foi protagonista até dunha canción: "Foi un pouco anecdótico cun partido en Valladolid en liga que houbo moito desprazamento de afeccionados. Estaba a facer bos partidos. A xente, dentro da festa, fixo unha ou dúas estrofas de agarimo cara ao meu traballo".

Na súa opinión, a rivalidade existente entre as dúas afeccións é debida a que "somos dous equipos que estivemos a pelexar polo mesmo obxectivo, tanto para ascender en Segunda como para evitar o descenso en Primeira. Houbo partidos de moita tensión. Hai esa rivalidade. Pero (a do Sporting de Gijón) é unha afección moi sa como a do Deportivo, moi próxima. Similar a todos os do norte, que fai moitos desprazamentos por estrada, que sempre apoia ao equipo en todas as partes porque tamén hai moito emigrante por toda a Península. Similar ao que nos pasa aquí na Coruña".

Sobre a temporada en ABANCA-RIAZOR, Álex Bergantiños, un dos futbolistas do vestiario con máis experiencia nesta categoría, pide "manter a estabilidade. Ser o máis regulares posibles. Niso está o segredo desta categoría. Tentar estar aí sempre na zona alta cos resultados dentro da media. Ter un cadro completo como o que temos. Sempre dixen que me dá máis tranquilidade á hora de pensar que podemos lograr o obxectivo".

A temporada pasada, no Sporting, "custounos manter o mesmo nivel durante todo o ano. Eramos moito de dinámicas ou de depender de estados de forma puntuais. Iso ao final acabámolo pagando. O último tramo de liga perdemos os últimos partidos, chegamos ao playoff un pouco xustos. O Valladolid foi á inversa. Veu de abaixo cara arriba".

Por este motivo, "en maio ou xuño que vas decidir en 2 ou 3 puntos os obxectivos, é cando o equipo ten que chegar ben. Por iso prefiro que a fochanca de resultados chegounos un pouco agora que non collela ao final".

Despois dun partido redondo ante o Albacete, Álex considera que o Deportivo chega a Xixón "con máis confianza despois do último partido; e coa ambición e a ilusión de dar ese mesmo rendemento nun partido diferente e fóra de casa, que sempre é moito máis difícil. E máis nun partido de tanta rivalidade e nun campo que aperta tanto ante un rival que é moi intenso no seu campo. Ese estadio fai que sexa moi forte sempre o equipo".

Do Sporting, destaca o mediocentro coruñés que é un equipo "moi intenso e que define moi ben. Vai ser un partido diferente ao do Albacete", vaticina.