RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex lembra que ten un ano máis de contrato e fíxase como meta "deixar ao Dépor o máis arriba posible"

Alex Bergantiños compareceu esta tarde en rolda de prensa en Abegondo, minutos antes de arrancar o primeiro adestramento da última semana de competición oficial.

O capitán deportivista lembrou que ten un ano máis de contrato como xogador: "Agora atópome ben. Mentres me senta útil e en condicións de poder achegar... O que gozamos os xogadores é competindo e xogando partidos. Este ano xa xoguei bastante. O corpo dirá até onde podo chegar. De momento con ilusión e con moitas ganas, despois do descanso esperado, de afrontar un novo ano que seguro que será con retos ilusionantes".

Cualificou esta temporada que agora acaba de "imprevisible en todos os aspectos: paróns por COVID, estadios baleiros, un formato ao que non estamos afeitos ninguén, unha categoría con cento e pico equipos, totalmente imprevisible. Mentalmente foi moi esixente, moi difícil de levar. Despois de non meterse na seguinte fase, tratábase de minimizar os danos, sabendo que o obxectivo principal era outro. Creo que salvamos un pouco unha situación que era crítica, que se levou por diante moitos proxectos. Aliviado de que termine este ano e poder volver á normalidade aos poucos, con ABANCA-RIAZOR con xente, unha competición normal e tentar que o Dépor estea canto antes no fútbol profesional".

Vaticina movementos no cadro: "Vai haber menor orzamento para o proxecto, como é normal. Están no aire as bases de cantas fichas sub-23 son obrigatorias, de como vai ser a competición... A nivel persoal oxalá estea a maior xente posible de #ANOSACANTEIRA que poida achegar e que chegue con nivel e con ganas. Pero aquí vai haber moita esixencia, vaise a esixir estar arriba, lograr o ascenso como ten que ser. O importante é acertar en quen se traia, que dea o nivel suficiente".

Despois de "vivir cousas marabillosas no Dépor no fútbol profesional, en Primeira División, a miña ilusión e o meu reto é deixalo o máis arriba posible. Se pode ser no fútbol profesional iríame coa conciencia tranquila. Pero hai que ir aos poucos. O fútbol só é presente e o presente agora é descansar e a temporada que vén facer un cadro novo para un reto diferente, contra rivais diferentes. A tentar que o Dépor estea canto antes arriba e eu achegar na medida na que poida para que iso suceda".

Preguntado por Rubén de la Barrera, veo "perfectamente preparado. Demostrouno o tempo que leva aquí. Coñece perfectamente a categoría. Conseguiu ascender e estar en Segunda coa Cultural. Está sobradamente preparado para encabezar o proxecto. Non é algo que dependa de min loxicamente".