RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex non cre que xogar os 3 primeiros partidos fóra "afecte para ben ou para mal"

Álex Bergantiños subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que a Segunda División é unha competición "na que debemos ter claro que é a máis igualada de Europa ou do mundo. Podes gañar ou perder con calquera. Quizais é mellor xogar fóra e ir a campos diferentes canto antes porque ao final vas coller máis rápido o ritmo e a maneira de xogar da competición".

Desexa o mediocentro coruñés que neste periplo inicial de 3 partidos lonxe da Coruña, "saquemos bos resultados e que iso reforce tamén para que cando volvamos ao Estadio ABANCA-RIAZOR a afección estea un pouco satisfeita do que fixemos fóra de casa".

Recoñece que vai ser un pouco "atípico" eses 3 choques seguidos en Albacete, Almendralejo e Tenerife. "Ao final todo se compensa. A Segunda División é un maratón de 42 partidos e é un pouco indiferente. Se empezas ben diremos que o equipo empezou fóra de casa e terá máis partidos para sumar no Estadio ABANCA-RIAZOR. Non creo que afecte para ben ou para mal", apostila.

Preguntado pola novidade esta temporada do sorteo asimétrico, Álex opina que "a min persoalmente gústame sempre que se faga polo ben do espectáculo e do afeccionado. Entendo que se fará porque non coincida en datas relevantes certos enfrontamentos próximos e demais. En todas as ligas europeas xa se está facendo así. Ao final tes que xogar contra todos. Espero que se poidan evitar suspicacias de partidos equipos próximos ao final de liga e ese tipo de cousas que sempre xeran run run nos finais de liga. Se se fai ben é positivo. Ti xogas contra todos igualmente e que a orde sexa distinto non creo que sexa determinante e si que pode beneficiar nalgún aspecto como é ese, para o afeccionado pór partidos con moita expectación ou desprazamentos de afeccionados elevados en datas que poidan coincidir mellor. Se é polo ben do espectáculo e do afeccionado, benvido sexa", argumenta.

Cunha ampla experiencia en Segunda División, Álex recalca que "é diferente a maneira de competir. Non ten nada que ver con como se compite en Primeira. Tes que adaptar un pouco o cadro a iso. Hai xogadores que se adaptan rapidamente, outros que lles custa máis. Ao final son enfoques diferentes de como se está facendo o cadro. O importante é que (os reforzos) funcionen ben. En Segunda División o importante é o colectivo. O ano pasado, os 3 equipos que baixaron de Primeira, con reforzos importantes para a categoría, 2 quedaron fóra do Play Off e no Sporting de Gijón non conseguimos pasar a primeira rolda".

Conclúe que "os nomes non garanten nada nesta categoría porque é unha categoría súper igualada. As diferenzas son moi pequenas porque os orzamentos non son tan diferentes como en Primeira División, que ti podes acertar sen temor a equivocarte os 6 primeiros de cada ano. En Segunda iso nunca pasa porque as diferenzas son moi pequenas e o rendemento entre uns equipos e outros depende do colectivo, de conxuntarse ben e de acertar en momentos concretos da temporada".

Após o visto no primeiro partido amigable ante o Fabril en Abegondo, Álex apunta que é normal no sistema utilizado por Natxo González que "eu estea máis preto da zona de atrás para iniciar (xogada) que de posicións máis adiantadas. Son só pinceladas que imos collendo. Hai que ir adaptándose á idea que quere o adestrador. Estamos en conceptos máis xenéricos. O outro día non deixou de ser un adestramento máis contra un bo rival como é o Fabril. Un pouco é iso, coller conceptos físicos, algunha cousa táctica que xa fomos corrixindo hoxe con vídeo. Aos poucos ir mellorando cousas".

Recalca que "independentemente dos rivais que ti teñas na pretemporada, a competición é totalmente diferente". Nesta liña, sostén que nestas semanas de verán "o importante é que nos coñezamos, que teñamos claro ao que nos imos a enfrontar na competición. E para iso o máis importante é que canto antes estea o máis definida posible o equipo e coa mente posta aquí. Imos competir nunha categoría esixente, que se xoga dunha determinada maneira diferente a outras ligas ou a Primeira. E iso é o que temos que tentar coller canto antes. A min o que máis me preocupa é iso, que canto antes estea todo o mundo que se vaia a quedar, que todo o mundo teña a mente posta no que se vai a atopar durante a temporada".