RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex: "O que máis necesitamos os xogadores agora mesmo é volver sentir a sensación de gañar"

Álex Bergantiños manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo está "a asumir a situación. Non estamos no posto que nos gustaría, sabendo que estamos no peor tramo da temporada. Levamos moito tempo sen gañar e necesitamos canto antes volver sentir o que é unha vitoria para dar a volta a esta situación".

O centrocampista coruñés recalca que "o que importa no fútbol é gañar e levamos moito tempo sen facelo. Cando entras nunha dinámica negativa necesitas esa vitoria independentemente de como sexa o xogo".

Do partido do pasado sábado en El Sadar, opina que "o equipo fixo mellor partido do que o resultado dixo. Pero ao final, cando estás en mala dinámica de nada serve o xogo e o que hai que buscar é cambiar os resultados. Temos que facer o que sexa para conseguir o domingo unha vitoria que cambie esta xeira dunha vez".

Álex, nesta liña, cre que "hai que ser fortes mentalmente. Temos que estar preparados para malos momentos como os que vivimos agora e tentar revertelos. A única maneira é mirar cara a adiante, traballar duro e tentar darlle a volta a esta situación".

Da clasificación, ve que "os dous primeiros postos están a afastarse e cada vez queda menos tempo. Nesta categoría, a pelexa polos playoff é sempre entre 8 e 10 equipos. Todos os anos até o 11º ten opcións de entrar na última xornada. E aí estamos todos. Tentaremos mellorar o máximo posible neste tramo final, sumar o máximo posible para tentar ter o mellor posto posible na clasificación".

Nestes primeiros adestramentos de José Luis Martí á fronte do equipo, o capitán deportivista conta que "chega con esa enerxía que quere transmitir, con tarefas encamiñadas sobre todo á intensidade e a que o equipo revitalice esa enerxía que quizais está apagada nos malos momentos".

Neste sentido, apunta que "queda pouco tempo e hai que sumar. Agora mesmo estamos fóra de todo. Facer contas ou pensar en obxectivos a longo prazo é prexudicial. O único partido que podemos gañar agora é o do domingo. Temos que pensar exclusivamente en preparalo ben e empezar por ese paso".

É máis, está convencido que "non nos vai ha facer ningún ben falar do momento no que estamos agora na clasificación, nas expectativas que había durante todo o ano. Temos que superar este momento pensando única e exclusivamente no domingo. Tentar reverter a situación e volver sentir a sensación de gañar, que é o que máis necesitamos os xogadores do cadro agora mesmo".

Ve ao vestiario deportivista preparado para a presión que leva a situación actual na táboa: "Todo o mundo que veu aquí sabía da esixencia que ía haber toda a temporada, a esixencia de conseguir o ascenso. A maioría dos xogadores son conscientes do que é a categoría, a que máis ou unha das máis igualadas do mundo, con sorpresas todos os anos e con moita dificultade cada fin de semana. Sabemos desa dificultade. Tiñamos a ilusión de ter mellores resultados, de estar en mellor posición a estas alturas, sabendo que era un escenario que se podía dar".

Advirte o centrocampista branquiazul que "se queremos ser mellores xogadores e competir en Primeira División ou conseguir os obxectivos, temos que pasar por estes momentos e responder ante eles. Aquí hai xente capacitada para facelo. Nestas últimas xornadas temos que demostralo no campo".