RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Alumnos do Obradoiro de Fotografía Inclusiva da Fundación María José Jove achegan un novo enfoque do Estadio ABANCA-RIAZOR

Alumnos do Obradoiro de Fotografía Inclusiva con Enfoque Profesional realizaron esta semana unha sesión práctica no Estadio de ABANCA-RIAZOR. Este Obradoiro, que imparte a Fundación María José Jove coa asociación Nos Why Not, ten como obxectivo principal a inclusión laboral dos fotógrafos con diversidade, pero tamén se traballa o seu empoderamento e para iso búscanse experiencias onde eles sintan protagonistas mentres exercitan a fotografía, como foi o caso da sesión no Estadio.

Fotografar un estadio de fútbol baleiro foi un reto para os aprendices de fotografía. Antes da sesión, os alumnos estiveron a ver fotografías de fotógrafos como Paul Strand ou Margaret Bourke-White, ambos con imaxes interesantes de elementos arquitectónicos, ou Chema Madoz e a súa creatividade, entre outros. Con estas novas perspectivas e a técnica aprendida, os alumnos retrataron ABANCA-RIAZOR coa súa visión persoal.

O Obnradoiro de Fotografía Inclusiva con Enfoque Profesional é un programa da Fundación María José Jove que ten como obxectivo outorgar ferramentas para o posible desenvolvemento laboral de mozos con diversidade funcional entre 16 e 24 anos no campo da fotografía. Tutelado polo fotógrafo Felipe Alonso, a través da Asociación Nos Why Not, o programa vai pola súa terceira edición e por el pasaron unha vintena de mozos.

O obxectivo principal é mostrar aos alumnos que a fotografía pode ser unha oportunidade laboral e crear unha infraestrutura con características profesionais que permita ampliar coñecementos na área, ademais de socializar e ampliar inquietudes culturais e laborais.

Para iso, o programa consta de tres niveis: Iniciación, Perfeccionamento e alumnos Senior, no que alumnos que xa acabaron o programa e que mostrasen interese por continuar a súa formación, realízanse actividades específicas.