RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone foi titular con Romanía e Tytoń viu desde a bancada a Polonia en Dinamarca

- Foto: www.frf.ro -

Tres xogadores do RC Deportivo teñen partido internacional hoxe venres 1 de setembro: Tytoń con Polonia, Andone con Rumania, e esta próxima madrugada en España Celso Borges con Costa Rica.

Onte xoves, Fabian Schär xogou o noventa minutos con Suíza e Fede Valverde viviu o Uruguai-Arxentina desde o banco.

Andone foi titular no triunfo de Romanía ante Armenia

Florin Andone foi titular hoxe venres 1 de setembro no partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018 que Romanía disputou ante Armenia no National Arena da capital Bucarest, e que se saldou con triunfo in extremis dos romaneses (1-0), cun gol de Maxim no minuto 90.

O dianteiro deportivista xogou o partido completo e dispuxo dalgunha boa ocasión para marcar.

O meta Pantilimon, incorporado hoxe mesmo ao Dépor, foi suplente.

O luns 4, o combinado romanés visita a Montenegro nun choque que se xoga no Podgorica City Stadium de Podgorica (20:45, hora local).

Os romaneses marchan cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 9 puntos, a 7 de distancia do líder Polonia; e a 4 puntos da segunda praza, que daría opción a xogar a repesca, en poder agora mesmo de Montenegro e Dinamarca, ambos con 13 puntos.

Tytoń non foi convocado para o Dinamarca-Polonia

A meta deportivista Przemysław Tytoń non foi finalmente convocado para o Dinamarca-Polonia de hoxe venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague. Venceron os daneses con claridade (4-0).

Este luns 4, a selección polaca recibe a Kazajistán no Estadio Nacional de Varsovia (20:45, hora local).

Ambos os choques son clasificatorios para o próximo Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 16 puntos, agora con 3 de vantaxe sobre Montenegro e Dinamarca, empatados a 13 puntos.

Estados Unidos, rival de Celso Borges esta madrugada

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, teñen dous complicados rivais na carreira cara ao Mundial de Rusia 2018.

Asi, hoxe venres 1 a selección costarriqueña visita a Estados Unidos, en choque que se disputará no Red Bull Arena de Harrison (Nova Jersey, 18:55, hora local, 00:55 da madrugada do sábado 2 en España).

O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada do mércores 6), un dos favoritos para clasificarse para a cita mundialista.

Tal e como apuntan varios medios de comunicación de Costa Rica, se Celso Borges xoga estes dous encontros, converterase no xogador 'tico' con máis partidos en eliminatorias mundialistas, cun total de 43 presenzas.

En total, o mediocentro branquiazul superou xa os 100 partidos coa selección costarriqueña.

Schär foi titular con Suíza ante Andorra

O central deportivista Fabian Schär foi titular onte xoves no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

O defensor branquiazul xogou os noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.

Os suízos, con 21 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 18 puntos.

O domingo 3 de setembro (20:45 hora local), Suíza visitará á pechacancelas de grupo, Letonia, en Riga.

Fede Valverde queda sen debutar coa absoluta

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o mozo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

A selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo onte xoves 31 de agosto (1:00 da madrugada de hoxe venres 1 en España). Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo, no que tería sido o seu debut coa absoluta.

O martes 5, os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores del Chaco de Asunción, a capital do país.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica con 24 puntos. Os catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.