RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Temos que aprender dos erros para plasmalo nos próximos partidos"

Florin Andone manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, respecto ao encontro do pasado domingo en Porto, que "foi un partido difícil. O FC Porto gañounos xustamente. Foron mellores que nós, fixeron mellor as cousas. Temos que aprender dos erros que cometemos para plasmalo nos próximos partidos que temos".

Lembra que o partido no Dragão "non deixa de ser pretemporada, non deixa de ser un amigable. Hai que pasar páxina canto antes. Mentalizarnos de facer unha boa semana de adestramentos e partidos que temos. E logo xa pensar na liga".

Conclúe o dianteiro deportivista que "asino perder todos os que nos quedan de pretemporada e gañarlle ao Real Madrid".

Precisamente dese encontro ante o conxunto branco que abrirá LaLiga Santander (domingo 20 de agosto no Estadio ABANCA-RIAZOR, 22:15, Movistar Partidazo), Andone advirte que "é un partido máis, é un partido que temos que xogalo, dá igual a xornada 1 que a 18. Tentarémolo facer da mellor forma posible. Esperemos que teñamos un gran día e que fagamos un bo papel".

Comprende que o equipo teña que reforzarse na punta de ataque: "Non podemos estar cun dianteiro toda a liga. Esperemos que veña canto antes, se vén, que seguro que virá. Que nos achegue traballo, ilusión, ganas".

Cara ao Trofeo Teresa Herrera deste sábado no Estadio ABANCA-RIAZOR (20:30 horas) ante o West Bromwich Albion inglés, pide o ariete branquiazul "xogar ben, gañar o partido que é o máis importante, porque xa o ano pasado gañámoslle 2-0 ao Villarreal, creo que xogamos bastante ben. Este ano, diante do noso público, o primeiro partido do ano, no noso estadio, temos ganas de que chegue o día, de facer un bo partido e de gañalo. Ao final esperemos que a xente teña ilusión pola nova temporada, que estea connosco e que sintamos o agarimo desde o primeiro día".