RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone ve ao Deportivo agora "nunha dinámica moi boa"

Florin Andone, autor do tanto do empate ante a UD Las Palmas, foi o protagonista este mediodía na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo.

Fixo balance da primeira volta do Deportivo, finalizada onte no Estadio Gran Canaria cun balance de 19 puntos: "Foi moi irregular os primeiros partidos. Empezamos gañando, logo derrotas, empates, vitoria co Sporting no último minuto... Ao final non atopabamos o que queriamos".

Con todo, a xuízo de Andone, "levamos dous meses e medio nos que estamos nunha boa dinámica. O equipo non perde. Só perdemos no Bernabéu pero ao final o Real Madrid é un equipo que o máis normal é que gañe. Todos os demais equipos cos que xogamos sacamos bos puntos, sacamos empates. Na Copa caemos eliminados pero demos a cara ata o último momento e estivemos aí encima do Alavés".

Por todo iso, conclúe que o balance "é positivo. Empezamos bastante irregular, mal; e agora estamos nunha dinámica moi boa. A calquera equipo cústalle unha chea gañarnos e nós estamos a facer moito perigo. Ao final recibimos moi poucos goles. É unha dinámica positiva que temos que aproveitar porque merecemos estar máis arriba, temos equipo para elo. E confío moito no equipo, no corpo técnico, en toda a xente que está a traballar aquí co Deportivo porque seguro que podemos estar máis arriba".

Do partido de onte ante a UD Las Palmas, destacou que "a primeira parte foi bastante mala. Puidemos reaccionar na segunda. O gol foi un roubo, unha saída rápida e ao final tiven a sorte de poder metela. O importante é o traballo do equipo, demos a cara ata o final. Nos últimos minutos coa expulsión de Aythami buscamos a vitoria e tentámolo ata o último minuto e non puido ser".