RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANOSACANTEIRA márchase de vacacións após 11 meses de intensa competición e 13 títulos oficiais

Finalizados os torneos de Sella Cup 2018 e o Torneo Internacional Cidade da Coruña, #ANOSACANTEIRA márchase de vacacións.

Os 12 equipos de categorías inferiores, desde o Fabril ao Benxamín B pasando polo Deportivo ABANCA B, repartíronse  13 títulos en 11 meses de duros partidos e adestramentos case diarios. Un balance prometedor que augura moitos éxitos no futuro para o Club e do que son principais responsables, ademais por suposto dos novos futbolistas: técnicos, preparadores físicos, delegados, psicólogos, médicos, fisioterapeutas, delegados, utileros e persoal auxiliar (lavandaría, limpeza, cafetaría, xardineiros, condutores, seguridade...) En total un centenar de profesionais que se afanan por que #ANOSACANTEIRA se convirta nun referente no fútbol español.

 
O Fabril fai historia no Mundial de Rusia
O Fabril fixo historia no fútbol español ao ser o primeiro equipo de Segunda División B con representación nun Mundial de fútbol: Francis e Ismael Díaz.
O meta nixeriano disputou completos os 3 partidos do seu equipo na Primeira Fase.
O dianteiro panameño non tivo tanto protagonismo. Xogou a última media hora do primeiro partido ante Bélxica; estivo no segundo partido, ante Inglaterra, no banco; e foi baixa no terceiro, fronte a Tunisia, por unha lesión no seu xeonllo dereito.
 
Irrupción no primeiro equipo de canteiráns
Ao longo da temporada, varios canteiráns tiveron presenza no primeiro equipo en adestramentos diarios así como en compromisos oficiais; neste último caso Francis, Edu Expósito, One e Mujaid principalmente.
Francis foi titular en 2 partidos de liga, ás ordes de Pepe Mel.
Edu Expósito participou en 3 choques ligueiros, saíndo sempre desde o banco; e en 2 de Copa, un deles de titular.
One saltou de inicio en 1 partido de liga (no Santiago Bernabéu ante o Real Madrid) e 1 partido de Copa (nas Palmas).
Finalmente Mujaid foi titular en 1 partido de liga (en Mestalla ante a Valencia CF) e debutou no Estadio ABANCA-RIAZOR no segundo tempo do choque ante o Villarreal CF.
Quedaron a un paso da estrea en partido oficial Quique Fornos e Blas, a pesar de que entraron na convocatoria nun par de partidos.
 
Tres títulos galegos
Deportivo ABANCA B, Alevín A e Benxamín A atópanse á cabeza do palmarés cun título autonómico.
O primeiro conquistou a Copa Galega de Primeira Autonómica e estreou así as súas vitrinas na súa segunda temporada de existencia no Club.
Pola súa banda, Alevín A e Benxamín A, este tamén campión tamén da liga Comarcal A Coruña e da Fase Intermedia, reinan no fútbol 8 galego nas súas respectivas categorías.
 
O Alevín A, o máis laureado, tamén brillou en LaLiga Promises
O Alevín A que dirixiu Roberto Veres foi o equipo máis laureado con 4 títulos esta campaña: Liga Comarcal A Coruña, grupo 1º; grupo norte do Trofeo Luis Calvo de fútbol once; Fase Intermedia do Campionato Galego; e Campionato Galego.
Ademais, o conxunto deportivista brillou en LaLiga Promises, o torneo no que participan os 20 equipos de LaLiga Santander en categoría alevín, organizado pola Fundación José Ramón da Morena na Cidade Deportiva do Villarreal.
O Dépor alcanzou as semifinais e foi apeado polo FC Barcelona na quenda de penaltis dun épico partido, que toda España puido seguir a través da Sexta TV.
A organización recoñeceu ao equipo na figura do seu capitán, Dani Estévez, elixido mellor xogador do torneo.
 
Premios tamén para o Infantil B, Alevín B e Benxamín B
Infantil B, Alevín B e Benxamín B tamén foron campións das súas competicións: o primeiro do grupo 1º de Primeira Autonómica; o segundo da Segunda Comarcal A Coruña e do grupo 1º da Segunda Fase; e o Benxamín B da Segunda Comarcal A Coruña.
 
Seis equipos foron subcampións
Seis equipos foron subcampións das súas respectivas competicións: Fabril (Segunda División B, grupo 1º); Xuvenil A (División de Honra, grupo 1º); Cadete A (División de Honra); Infantil A (Liga Galega); Alevín A (Trofeo Luis Calvo de fútbol once); e Deportivo ABANCA B (Primeira Autonómica Feminina).
 
Unha medalla de bronce para un Xuvenil B que foi de menos a máis
De meritoria hai que cualificar a terceira praza do Xuvenil B na liga Nacional. O conxunto deportivista foi de menos a máis ao longo da competición e só foi superado polo Celta B e o Ural. 
A estes dous equipos tamén lles venceu o Xuvenil B na recta final: ao Celta B en Vigo (0-2) a 4 partidos para a conclusión; e ao Ural en Abegondo (3-0) á semana seguinte.
 
Exitosa presenza en torneos por España e Europa
Ademais das competicións oficiais, #ANOSACANTEIRA incrementou a súa presenza en numerosos torneos ao longo de toda España e en Europa, principalmente Portugal, Francia, Alemaña, Holanda e Italia.
En moitos casos, os equipos branquiazuis competiron con notable éxito de ti a ti coas principais canteiras de Europa, por exemplo:
- Xuvenil B, campión da 34ª edición da International Rezé Football en Nantes (Francia)
- O Cadete gañou o torneo organizado polo club Excelsior Maassluis en Holanda 
- O Infantil logrou todos os premios colectivos e individuais do Torneo ASC Hazebrouck (Francia) 
- Infantil B e Alevín B, campións da Vianense Cup en Viana do Castelo (Portugal)
- Benxamín B, campión da Barrinha International Cup 2018 en Portugal
- O Benxamín A logrou a medalla de ouro na Tus Ost Cup 2018 de Alemaña
- O Alevín B gañou a Fase de Prata da Ou11 Provinzial PfingstCup 2018 en Colonia (Alemaña)
 
Ademais, o Dépor brillou en torneos como o Trofeo Mini Teresa Herrera benxamín, a Malpica Vidú Cup cadete, Torneo Talleres Castiñeira en Vigo alevín, Levante Cup en Almería infantil, Trofeo Concello de Cerceda benxamín e alevín...