RCD / NOVAS

#ANosaHistoria: 90 anos do primeiro título, o Campionato de Galicia de 1927

06/02/2017 10:59

O 6 de febreiro de 1927, hai hoxe 90 anos, o Deportivo lograba o primeiro título de campión galego da súa historia, ao impoñerse no Parque de Riazor por 2-1 ao Celta de Vigo, cando aínda restaban dúas xornadas para completar o torneo. Foi o primeiro dos seis campionatos rexionais que conquistou o equipo, que repetiu éxito en 1928, 1931, 1933, 1937 e 1940. Por iso, é tamén o primeiro título oficial (campionatos recoñecidos por unha federación nacional ou autonómica) que brilla nas vitrinas do Club.

O CAMPIONATO
O Deportivo refórzase para a campaña 1926-1927 con varias fichaxes procedentes de equipos pontevedreses. Desde o Eiriña chega o medio Fernando Fariña, que lucirá a súa boina xunto á camiseta branquiazul durante case unha década.

Desde o Pontevedra Athletic chegan dous dos seus mellores elementos, o defensa Ramón Rey e o polivalente Juan Rodríguez 'Redondela', que pronto se fai amo e señor do mediocampo. Ademais, o interior esquerdo Ciriaco Moreiras Cons 'Chaco' (non confundir con Eduardo González Valiño 'Chacho', que comezará a facer historia co Deportivo pouco tempo despois) ficha procedente da Cultural Leonesa.

Félix Gila é o adestrador dun equipo que xa non conta con clásicos de anos anteriores como o defensa Abelardo, o medio dereito José María ou o interior-extremo esquerdo Leonardo. Con todo, si mantén ás súas dúas máximas figuras, o defensa Luis Otero e o dianteiro centro ou interior dereito Ramón González, ambos subcampións olímpicos coa selección española en 1920.

A décimo terceira edición do Campionato de Galicia de Serie A é disputada por cinco equipos: Deportivo, Racing de Ferrol, Eiriña e dous conxuntos vigueses, Celta e Unión Sporting. O Pontevedra Athletic, sexto inscrito, retírase antes de iniciarse a competición, que se disputa no formato de liga a catro voltas. É a primeira vez que para ser campión hai que disputar máis de 10 partidos: un total de 16.

Malia ceder dous empates na primeira volta (0-0 no Inferniño ante o Racing e 1-1 en Coia fronte ao Celta), o Deportivo móstrase moi sólido en casa, onde soamente cede un punto ante o Celta, no último partido da segunda volta (1-1). A Ferrol, para o primeiro partido, desprázanse miles de seguidores coruñeses, entre eles 1.800 por mar, a bordo do vapor 'Florinda', segundo narran as crónicas da época.

No terceiro partido, o primeiro en casa, o 24 de outubro, o Deportivo golea ao Eiriña (5-0), nun choque no que os branquiazuis están de estrea. Os xornais daquel día falan dun Parque de Riazor "xa transformado en estadio de dimensións internacionais" e de "inauguración do Estadio de Riazor". En realidade, é o vello campo das Escravas que estrea imaxe. É o primeiro partido que a Deportivo disputa no seu campo con todo o perímetro do terreo de xogo rodeado por bancadas.

Na terceira e cuarta voltas, os herculinos non dan marxe aos seus rivais: 1-2 ao Eiriña, 0-2 ao Racing, 6-0 ao Unión Sporting, 6-1 ao Racing... No seu undécimo encontro, de novo en Vigo ante o Celta, sofren a súa única derrota en todo o torneo (4-3). Como curiosidade, cabe lembrar o décimo cuarto partido dos deportivistas, que vapulean en Riazor a un Eiriña (11-0) que termina con catro xogadores, ao ir abandonando o terreo de xogo por diversos motivos, un deles a climatoloxía adversa.

O PARTIDO DECISIVO
Na seguinte xornada, o Parque de Riazor énchese ata a bandeira para un partido con tinguiduras de final. O Dépor chega líder, con 23 puntos, e o Celta, segundo, con 18. Aos olívicos, aos que despois aínda lles restan dous choques, só válelles a vitoria para evitar o alirón do equipo coruñés, ao que unicamente lle falta un encontro máis. Chaco adianta aos coruñeses nada máis arrancar o partido. Rogelio empata para os celestes pero Vázquez, o dianteiro ferrolán que tamén se colgou a medalla de prata olímpica en 1920, dá a vitoria, os dous puntos e o título ao Deportivo, que forma con Isidro; Luis Otero, Rey; Viar, Redondela, Fariña; Guillermo, Vázquez, Ramón, Chaco e Alonso. Polo Celta xogan Lilo; Cabezo, Pasarín; Hermida, Cárdenes, Barril; Pinilla, Polo, Rogelio, Chicha e Reigosa.

O CADRO
Porteiro: Isidro (16 partidos/-12 goles).
Defensas: Rey (16), Luis Otero (15) y Villar (1).
Centrocampistas: Redondela (16/7 goles), Fariña (15/1), Pombo (7), Viar (4) y Chicho (3/2).
Dianteiros: Guillermo (16/3), Chaco (15/11), Ramón (15/13), Alonso (14/5), Chiarroni (9/1), Pereiro (7/7) y Vázquez (7/6).