RCD / NOVAS

#ANosaHistoria: A 'bomboneira' de Riazor cumpre 20 anos

08/02/2018 11:34

O 8 de febreiro de 1998, hai hoxe 20 anos, o Estadio de Riazor vivía o seu primeiro partido como 'bomboneira', co seu actual formato de campo de fútbol.

Aquel día, o Real Madrid visitaba o feudo herculino en partido da 24ª xornada do Campionato de Primeira División da Temporada 1997-1998. O resultado final do encontro foi de empate (2-2). Fran foi o autor do primeiro gol no 'novo' recinto. Un futuro deportivista, Víctor Sánchez do Amo, anotaba o momentáneo 1-1. Djalminha e Morientes completaron o marcador. Nas filas madridistas formaba o desde esta semana novo adestrador do RC Deportivo, o holandés Clarence Seedorf.

Xogou o Deportivo, dirixido por José Manuel Corral, con Rufai; Armando, Hélder (Pinillos, min. 60), Paco, Bonnissel; Ramis, Donato; Scaloni, Djalminha, Fran; e Abreu (David, min. 85). O Real Madrid, con Jupp Heynckes no banco, formou con Cañizares; Karembeu, Sanchis, Jaime, Roberto Carlos; Víctor, Seedorf, Redondo, Guti; Šuker (Sávio, min. 71) e Morientes.

Aquel foi o primeiro encontro no que o deportivismo puido gozar da bancada de Marathón, aínda que o estadio aínda se atopaba inacabado. Aquel día xogouse sen nin sequera a estrutura da cuberta desa bancada, que non se estrearía até o Teresa Herrera de 1998.

As obras para converter Riazor nun estadio sen pistas de atletismo e con bancadas polos catro costados prolónganse durante case 3 anos. Os traballos comezan en setembro de 1995, co desprazamento do terreo de xogo cara á Torre de Marathón. Esta operación é necesaria para poder construír a nova bancada de Pavillón, debido á proximidade do propio Pavillón dos Deportes e, sobre todo, do Frontón Municipal.

O terreo de xogo debe moverse uns 6 metros cara ao oeste. Para iso, seméntase unha ampla franxa de céspede trala portería da antiga bancada de Xeneral. Esta é a explicación a que, a día de hoxe, tanto o túnel de vestiarios como a escaleira central de Preferencia Inferior xa non coincidan coa liña do mediocampo.

A comezos de novembro de 1995 arranca a construción da bancada de Pavillón. En febreiro de 1996 derrúbanse a histórica Especial Nenos e a vella rampla de acceso a Tribuna, para poder unir o novo fondo coa bancada principal. As obras finalizan 9 meses máis tarde. O 8 de agosto de 1996, a primeira semifinal do Teresa Herrera, entre o Dépor e o Botafogo (1-2), convértese no primeiro partido da historia da bancada de Pavillón.

Até o 1 de abril de 1997 non se inicia a construción da bancada de Marathón, dividida en diversas fases, até a súa apertura completa por primeira vez coa visita do Real Madrid dez meses e unha semana despois. En primeiro lugar acométese a metade entre a Torre de Marathón e Preferencia. A outra metade, a máis próxima a Tribuna, serve, por exemplo, para situar aos afeccionados do Córdoba no decisivo partido da fase de ascenso a Segunda División que protagonizou o Fabril, o 29 de xuño de 1997.

Coa conclusión daquela temporada afróntase a reforma desa parte máis próxima á rúa Manuel Murguía, até chegar ao referido 8 de febreiro de 1998 coa bancada finalizada.

En partidos posteriores á visita do Real Madrid, debido aos traballos de colocación da estrutura da cuberta e da propia viseira, unicamente ábrese Marathón Inferior. Así pois, hai que esperar até o 12 de agosto de 1998 (data que aparece na placa inaugural que se atopa na porta presidencial de Tribuna) para asistir a un partido coa obra completada. É a primeira semifinal do Teresa Herrera, entre Real Madrid e Lazio (2-2, 5-6 por penaltis). Un día despois, o 13 de agosto, dispútase o primeiro partido do Dépor co estadio concluído, a segunda semifinal do decano dos torneos de verán, fronte ao Atlético de Madrid (2-0), co marroquí Salaheddine Bassir como autor do primeiro tanto branquiazul.

Desde o partido fronte ao Real Madrid, que a pesar dos peches parciais posteriores supuxo a estrea do Riazor formato 'bomboneira', o Dépor disputou 471 encontros oficiais: 384 en Liga (342 en Primeira División e 42 en Segunda), 40 en Copa do Rei, 45 en competicións europeas (31 en Liga de Campións, 9 en Copa da Uefa e 5 en Copa Intertoto) e 2 en Supercopa de España.