RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Cúmprense 50 anos do accidente mortal de Gullón

Equipo deportivista que se mediu ao Elche en Altabix, o 1 de maio de 1966. Gullón é o primeiro agachado pola esquerda.

O 21 de decembro de 1967, o deportivismo tinguiuse de loito debido ao falecemento de Ramón Fernández Gullón, futbolista branquiazul que naqueles momentos atopábase cedido ao Villarreal.

Gullón aterra na Coruña ao comezo da campaña 1965-1966, como parte do traspaso de Veloso ao Real Madrid, xunto ao mediocampista Santos Bedoya. Ademais, o Club, presidido desde poucos meses antes por Antonio González, ingresa 4 millóns de pesetas.

O Deportivo, en plena era do 'equipo ascensor', acaba de descender a Segunda. Gullón non debuta até a 3ª xornada, aínda que o fai con brillantez. Aos 7 minutos de vestirse por primeira vez de branquiazul, marca o tanto que vale a vitoria ante o Burgos (1-0). Xogan aquel 19 de setembro de 1965: Joanet; Aurre, Manolete, Domínguez; Santos, Escolà; Gullón, Loureda, Chapela, Montalvo e Ribada. Como curiosidade, realiza o saque de honra do partido o tenista Manolo Santana, que unha semana antes convértese no primeiro español en gañar o Aberto dos Estados Unidos.

Nas dúas seguintes xornadas tamén marca, colaborando na conquista de 4 puntos máis, en campo do Indautxu (1-3) e en Riazor ante o Racing de Santander (1-0).

Despois de practicamente cinco meses fóra do equipo, Gullón recupera a titularidade no tramo final da temporada, formando parte do equipo que, após empatar 2-2 no Camp Nou ante o Condal, logra o ascenso matematicamente na penúltima xornada. Aquel día, o Dépor, dirixido por Enrique Orizaola, xoga con Joanet; Lariño, González, Domínguez; Santos, Manolete; Gullón, Loureda, Chapela, Escolà e Ribada.

A temporada 1966-1967, Gullón xoga cedido no Rayo Vallecano debido a que se ve obrigado a regresar a Madrid para cumprir co servizo militar.

Gullón retorna á disciplina branquiazul no verán de 1967. Xoga toda a pretemporada co Deportivo. Con todo, o 27 de agosto de 1967 disputa o seu último partido como branquiazul, un amigable fronte ao Ourense no estadio do Couto. Pedro Eguiluz é o técnico coruñés. Os locais vencen por 2-1. Pouco despois, Gullón márchase cedido ao Villarreal.

De regreso a Madrid polas festas do Nadal, Gullón cítase o mércores 20 de decembro con, entre outros amigos, o exdeportivista González Sanromán, un compoñente do cadro branquiazul, Morilla, e as súas respectivas parellas. Todos meriendan xuntos na Casa de Campo. Ao regreso á capital, o vehículo matrícula M-622395, conducido por outro dos seus amigos, Antonio Segovia del Rey, derrapa nas inmediacións da Glorieta dos Toureiros. Unha das portas ábrese pola brusca freada. Gullón sae despedido por ela, sufrindo fortes traumatismos.

Trasladado en estado grave á Residencia Sanitaria de La Paz, os médicos tratan de evitar o fatal desenlace. O seu falecemento confírmase durante a mañá do día seguinte.

Gullón soamente tiña 23 anos de idade. No Dépor xogou pouco aínda que cun bo rendemento: disputou 14 partidos oficiais, nos que anotou 5 goles. Meses antes de fichar polo Dépor, fora internacional na categoría amateur en 5 ocasións (2 goles), xunto a xogadores da talla e percorrido posterior de Reina, De Felipe, Felines, Quique Costas, Martí Filosía ou o tamén exdeportivista Zugazaga.

O xogador deportivista é unha das máis de 2.500 vítimas de accidentes de tráfico en España en 1967. Unha cifra en crecente aumento nunha época na que o parque automobilístico increméntase de maneira notable (un 262 por cento entre 1960 e 1966), até roldar os 3 millóns de vehículos. Un problema que comezaba a converterse preocupación nacional. Como comparación, en 2016 morreron a metade de persoas (1.160) cando circulan polas estradas españolas dez veces máis vehículos (uns 32 millóns) que hai 50 anos.

O RC Deportivo quere deste xeito lembrar a figura dun dos poucos futbolistas que, lamentablemente, perderon a súa vida a idade temperá e cando formaban parte da disciplina branquiazul, como Catoyra (1915), Víctor (1943) e Sagarzazu (1987).