RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Cúmprense 90 anos do primeiro partido do Deportivo no Campionato Nacional de Liga

O Deportivo iniciaba o seu historial ligueiro tal día como hoxe hai 90 anos, o 17 de febreiro de 1929, cun partido fronte ao Alavés no campo de Mendizorroza.

A comezos de 1929, o Deportivo ten a posibilidade de loitar por unha praza na máxima categoría, nunhas eliminatorias para determinar o equipo que se sumará aos seis campións de Copa até a data (Athletic Club, Madrid CF, FC Barcelona, Real Unión de Irún, Arenas de Getxo e Real Sociedad –como club sucesor do Club Ciclista de San Sebastián–) e os tres que chegaran a xogar polo menos unha final (Athletic de Madrid, Europa e RCD Español) para conformar os dez que competirán na división de honra.

Ao primeiro de vez esfúmase esa posibilidade. O Deportivo cae fronte ao Sevilla (4-1) no Estadio Metropolitano de Madrid, na primeira rolda. O partido daquel 17 de xaneiro de 1929 obviamente é considerado oficial e, aínda que clasificatorio para a liga, é englobado no apartado de Promocións.

Por iso, para atopar o primeiro partido ligueiro branquiazul como tal hai que viaxar até xusto un mes despois, cando comeza a primeira temporada da historia da Segunda División, unha semana máis tarde do arranque da máxima categoría.

O equipo coruñés, dirixido polo ex boxeador Andrés Balsa, chega decimado. Ramón González autodescártase ao non atoparse nun bo momento de forma. Tampouco se despraza Luis Otero, cuns problemas físicos que fan correr ríos de tinta na prensa herculina.

La Voz de Galicia publica, a dous días do partido, unha nota aclaratoria respecto diso, asinada polo propio Otero. "Acudín a consultarme co doutor Don José Barbeito, e despois dun recoñecemento minucioso, aconselloume un plan de curas e ofreceume un certificado que non crin necesario. No seu lugar deume unha nota rubricada que di: 'O xogador do RC Deportivo, Luis Otero, necesita someterse a tratamento médico para repoñer a súa saúde, en cuxo tempo (mes e medio) non debe practicar o fútbol'. Esta nota entregueilla ao adestrador señor Balsa, e solicitei o permiso, que me foi concedido, sen soldo".

Sen Otero e Ramón, e tamén sen Rey, o equipo desprázase no tren correo do venres 15.

- Foto obsequio do hotel no que se aloxou a expedición deportivista en Vitoria para a disputa do partido: De pé, de esquerda a dereita: Isidro, Pepe Torres, Ramón de Llano (directivo), Esparza, Pérez, Lameiro e Cuesta. Sentados: Antoñito, Guerra, Fariña, Alfredín, Perdomo e Balsa (adestrador) -

As ausencias branquiazuis e o día desapracible e chuvioso provocan unha escasa afluencia ao campo de Mendizorroza, onde espera o Alavés, terceiro clasificado, por detrás de Athletic e Arenas, do Campionato de Euskadi disputado a finais de 1928. Nas súas filas destaca o dúo defensivo formado por Ciriaco e Quincoces, que pouco tempo despois será o do Real Madrid e da selección española durante un lustro, e Luis Urquiri, que acabará sentándose no banco deportivista na Temporada 1947-1948.

O Deportivo forma con: Isidro; Antoñito, Guerra; Esparza, Lameiro, Fariña; Pepe Torres, Cuesta, Perdomo, Alfredín e Pérez. O Alavés faino con: Beristain; Ciriaco, Quincoces; Urquiri, Antero, Sanmartín; Modesto, Crespo, Olivares, Albéniz e Ibarrarán. Dirixe a contenda o colexiado catalán Agustín Vilalta Bars.

Non pode comezar peor o encontro para os intereses coruñeses. Olivares adianta aos vitorianos aos 3 minutos. O dianteiro centro babazorro amplía a vantaxe local antes do descanso. Ao pouco tempo de comezar a segunda metade, no minuto 52, é Albéniz quen coloca o 3-0, á saída dun córner lanzado por Modesto.

Entón, o ceo descarga con máis forza aínda. Se o terreo de xogo xa era impracticable, agora convértese en pouco menos que unha lagoa.

Aos 59 minutos, o Dépor acurta distancias. Esparza ten a honra de anotar o primeiro gol coruñés no Campionato Nacional de Liga. Co resultado de 3-1 a favor do Alavés finaliza o encontro, no que destaca a actuación dun Isidro que evita varios goles cantados e Fariña, que na segunda parte frea con acerto a á dereita do ataque vitoriano.

A primeira campaña finaliza catro meses despois con sabor agridoce. O Deportivo logra evitar o descenso a Terceira na última xornada. Co Racing de Madrid xa descendido, os pupilos de Andrés Balsa necesitan facer no Parque de Riazor ante o Sporting de Gijón como mínimo o mesmo que o Celta na súa visita ao Betis para conservar a categoría. O Deportivo vence por 1-0, co que o equipo que se vai á categoría de bronce é o vigués, que cae en Sevilla (3-1).

O Deportivo acumula 2.908 partidos de Liga, incluídos aquel debut en Vitoria, o anterior das eliminatorias pola décima praza en Primeira e o disputado onte ante o Gimnàstic de Tarragona, que se dividen en 1.568 en Primeira División, 1.228 en Segunda, 38 en Segunda B, 38 en Terceira e 36 en Promocións.