RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Hai 75 anos naceron as seccións deportivas do RC Deportivo

As seccións deportivas do RC Deportivo, que tiñeron de branco e azul numerosas disciplinas ao longo de exactamente medio século (1942-1992), naceron tal día como hoxe hai 75 anos.

O 11 de febreiro de 1942 o RC Deportivo transfórmase nun club polideportivo. O presidente é Aurelio Ruenes e o primeiro director técnico das seccións deportivas é o lembrado Vicente Cucarella, tamén auxiliar do primeiro equipo de fútbol durante varias décadas.

Nun primeiro momento confórmanse equipos de seis deportes (ciclismo, natación, remo, baloncesto, hóckey a patíns e atletismo), aos que aos poucos meses súmanse outros cinco (pelota vasca, hóckey herba, rugby, tenis e boxeo).

Décadas máis tarde créanse conxuntos de balonmán e xadrez. Hai que matizar que tanto de pelota vasca como de remo non existe rexistro algún de actividade competitiva.

O atletismo, con algúns deportistas que chegaron a ser olímpicos, campións de Europa en pista cuberta e campións de España, foi a sección máis duradeira e exitosa, mentres que outras, como o rugby, a natación ou o balonmán, tiveron unha aparición fugaz. O ciclismo tamén tivo un comezo irresistible, coa vitoria de Julián Berrendero na Vuelta a España de 1942, pero a súa vida branquiazul foi efémera.

Ademais de Berrendero, algúns dos mellores deportistas españois das súas respectivas épocas defenderon o escudo do Deportivo, como Delio Rodríguez, Moncho Rodríguez, Fernando Bremón, Jesús Díez del Corral, 'Pico' Ferrer, Manuel Gayoso, Colomán Trabado ou Isidoro Hornillos.

Coa crise económica sufrida durante os anos 80, a xunta directiva que accede ao cargo en 1988 decide centrarse no fútbol, no que tamén reduce gastos desfacendo os equipos de categorías inferiores. O atletismo desaparece e o xadrez sobrevive ata a transformación do Club en SAD, en 1992.

Podes atopar toda a información sobre estes equipos nunha nova sección no apartado histórico da nosa web.