RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: O Fabril cumpre 105 anos

- Equipo do Fabril no Estadio de Riazor en 1953 (Foto cedida por Alicia Dans Iglesias) -

O Real Club Deportivo Fabril, coas súas diferentes denominacións e vinculacións co RC Deportivo, cumpre hoxe 105 anos de existencia.

O hoxe filial deportivista naceu oficialmente, como Fabril Foot-Ball Club, o 21 de febreiro de 1914, aínda que o primeiro partido do que hai constancia data do 26 de outubro de 1913.

Así recollía La Voz de Galicia o nacemento do Fabril nas súas páxinas: “Constituíuse nesta capital un novo Club de deportes, que leva por título Fabril Club F.C.. Conta cunha ben afinada rondalla, que dirixida por D. Emilio Fernández fará a súa presentación en público o sábado de Entroido”, rezaba a reseña publicada.

O berce do Club é o coñecido como fabriquín, a fábrica de caixas de madeira para transporte de peixe que había na vella estación de tren da Coruña, situada no solar no que hoxe se atopan El Corte Inglés e a estación de autobuses.

En 1926, ao crear seccións doutras disciplinas deportivas, o Club adoptou a nova denominación de Sporting Fabril. Debido á Lei que prohibía os estranxeirismos, en 1941 volveu cambiar de nome: Fabril Sociedad Deportiva.

- Formación do Fabril no campo do Compostela na Temporada 1966-1967 (Foto cedida por José Luis Guillín Pérez) -

Despois de case 20 anos de convenio co Deportivo, en 1964 converteuse no filial branquiazul, pasando a denominarse Fabril Deportivo. Ese nome conservouno durante practicamente tres décadas, até 1993, cando a Lei do Deporte obrigou aos clubs filiais a extinguirse e ser asimilados polo club matriz. Entón converteuse no Real Club Deportivo de La Coruña B.

- O Fabril que visitou á Ponferradina en Segunda B na Temporada 1991-1992 (Foto cedida por Rogelio Ramallo Peña) -

O 10 de xullo de 2017, o Fabril recuperou a denominación que nunca perdeu na cidade, ao obter a aprobación da RFEF para pasar a chamarse Real Club Deportivo Fabril.

O Fabril militou 11 temporadas en Segunda División B (incluída a 2018-2019), por 48 en Terceira División. No seu palmarés figuran un Campionato Galego de Afeccionados (1953-1954), dous títulos da Serie A Rexional de Galicia (1953-54 e 1976-77), catro títulos do Grupo I de Terceira División (2005-2006, 2006-2007, 2009-2010 e 2016-2017) e tres Copas Deputación da Coruña (1994, 1997 e 2001).

Nas súas filas xogaron futbolistas da talla de Ramón González, Arsenio, Luis Suárez, Manolete, Machicha, Beci, Pellicer, Campanal II, José Luis Vara, José Ramón, Fran, Marcos Vales, David, Viqueira ou Álex Bergantiños.