RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Os 18 mundialistas do Deportivo até 2014

- Mauro Silva (5) e Bebeto (7) na formación de Brasil antes da semifinal do Mundial 94 frente a Suecia (Foto: Gerência de Memória e Acervo da CBF) -

Co peche definitivo das convocatorias de 23 xogadores de cada unha das 32 seleccións participantes na Copa do Mundo de Rusia 2018, serán 5 os deportivistas presentes na cita universal. Esta cifra iguala a marca da historia do Dépor nunha mesma edición, pois tivo 5 representantes en Francia 1998.

Coa participación de Fabian Schär, Michael Krohn-Dehli, Celso Borges, Francis Uzoho e Ismael Díaz en Rusia, o Dépor volve achegar xogadores a un Mundial despois de quedar sen facelo en Brasil 2014.

O Deportivo alcanzará este verán os 23 mundialistas, pois até o momento achegara 18 xogadores ao torneo máis importante do mundo do fútbol, dividos por países deste xeito: 7 con España, 3 con Marrocos, 2 con Brasil e Arxentina e 1 con Nixeria, Camerún, Paraguai e México. A estes países engádense agora Suíza, Dinamarca, Costa Rica e Panamá, mentres Nixeria iguala a Brasil e Arxentina con 2 achegas.

Para atopar ao primeiro futbolista branquiazul que disputou unha Copa do Mundo hai que remontarse nada menos que a 1934. Na segunda edición da Copa Jules Rimet, Eduardo González Valiño 'Chacho' foi convocado polo seleccionador Amadeo García Salazar para formar parte do combinado español.

O xenial futbolista coruñés soamente actuou nun do tres partidos que disputou España, que eliminou en oitavos de final a Brasil (3-1) e caeu en cuartos ante a anfitrioa Italia. Após empatar (1-1), os transalpinos venceron, ao día seguinte, o partido de desempate (0-1).

Foi precisamente este último o encontro no que participou Chacho. As lesións de Zamora, Ciriaco, Fede, Lafuente, Iraragorri, Gorostiza e Lángara no primeiro partido fronte aos durísimos italianos provocaron moitos cambios no once, entre eles a entrada do fino interior herculino. O desempate foi máis do mesmo. Os italianos fixeron caer aos poucos a base de porcalladas a Bosch, Regueiro, Quincoces e ao propio Chacho, para coarse en semifinais cun gol ilegal. O colexiado daquel partido, o suízo Mercet, foi expulsado da arbitraxe de inmediato tanto pola Federación Suíza como pola FIFA.

Houbo que esperar 16 anos para volver ver a un xogador branquiazul nun Mundial. España non se clasificou para Francia 1938 e a II Guerra Mundial impediu a celebración do torneo en 1942 e 1946.

En Brasil, en 1950, foi quenda de Juan Acuña. 'Xanetas' acababa de gañar do seu terceiro Trofeo Zamora e era aclamado, aos seus 26 anos, como o mellor porteiro de España.

O Deportivo viña de ser subcampión de Liga, pero aínda así o seleccionador Guillermo Eizaguirre só contou cun futbolista branquiazul. Os outros dous porteiros convocados polo técnico foron Ignacio Eizaguirre (Valencia) e Antonio Ramallets (Barcelona).

A Acuña xogoulle unha mala pasada un malentendido co seleccionador, na saída da expedición cara ao país suramericano. "As maletas que as cargue o galego", gritou Eizaguirre referíndose aos numerosos galegos que se dedicaban a eses mesteres no aeroporto de Barajas. Acuña deuse por aludido e respondeu de malas maneiras. A reacción de Eizaguirre ante a súa falta de respecto foi rotunda: "Vostede non sobe ao avión, non vai ao Mundial".

Finalmente, Acuña viaxou por imposición federativa. Pero Eizaguirre mandouno ao ostracismo para dar a titularidade a Ramallets. O lendario porteiro coruñés regresou sen disputar un só minuto aínda que, iso si, como compoñente da selección española que asinou a mellor actuación nun Mundial (cuarto posto) até a conquista do título en 2010.

A selección española volveu faltar á cita en 1954 e 1958. Regresou en 1962, cando Amancio devolveu ao Dépor a Primeira após un lustro con 25 goles. Malia gañarse a súa fichaxe polo Real Madrid e ao clamor popular, o dianteiro coruñés non contou para Helenio Herrera. O técnico franco-arxentino preferiu levar a veteranos como Puskas e Di Stéfano (ambos xa con 35 anos) e a outros tres dianteiros do Atlético de Madrid: Collar, Peiró e Adelardo.

En 1966 tampouco houbo participación deportivista, aínda que si viaxou a Inglaterra unha España moi coruñesa, con Luis Suárez, Amancio e Severino Reija. O peruano Óscar Montalvo tampouco puido estar na edición da copa roubada, pois a súa selección quedou eliminada ante Uruguai na fase de clasificación.

España desapareceu das Copas do Mundo até 1978 e o Deportivo, até 1994. A 'longa noite de pedra' branquiazul evidentemente influíu nas posibilidades de proporcionar xogadores aos seus respectivos combinados nacionais.

O Mundial de Estados Unidos chegou só unhas semanas despois de que o Dépor perdese a liga ante o Valencia na última xornada. Malia ser un dos mellores equipos do país e de Europa en 1994, Javier Clemente só contou cun xogador branquiazul.

Aínda que nas eliminatorias o seleccionador dera oportunidades a Adolfo Aldana, Claudio, Nando ou Fran, entre os 22 convocados para a fase final o único deportivista foi Voro.

O defensa valenciano foi titular no último encontro da primeira fase, que España resolveu cunha vitoria fronte a Bolivia (3-1) coa que selou o seu pase a oitavos como segunda del Grupo C, após Alemaña. Foi a súa única aparición nun torneo no que o camiño de España acabouse en cuartos de final, ante a Italia de Roberto Baggio.

- Voro (17) formando con España nos prolegómenos do partido frente a Bolivia da 1ª fase do Mundial 94 (Foto: © Archivo RFEF) -

Máis lonxe chegaron os outros dous representantes herculinos en USA 94. Tanto, que acabaron levantando a Copa no Rose Bowl de Pasadena, moi preto dos Ánxeles, pouco despois das tres da tarde (hora local) do 17 de xullo de 1994.

Mauro Silva e Bebeto foron indiscutibles na 'canarinha' de Carlos Alberto Parreira. Tanto na fase de clasificación como nas finais celebradas en Norteamérica. O primeiro formou un mediocampo impermeable xunto a Dunga e Mazinho. O segundo, un dúo de ataque letal con Romário.

Ambos xogaron como titulares os 7 encontros de Brasil en Estados Unidos. Bebeto disputou todos os minutos do campionato, mentres que Mauro só perdeu a segunda metade do último partido da fase de grupos, ante Suecia (1-1), após ser substituído por Mazinho. Bebeto anotou 3 goles. O primeiro no segundo encontro da primeira fase fronte a Camerún (3-0). O segundo para dar a vitoria ante o anfitrión (1-0) en oitavos de final. E o terceiro, no inesquecible choque de cuartos ante Holanda (3-2).

O seguinte campionato mundial, disputado en Francia en 1998, deixou para a posteridade unha marca. O Deportivo achegou máis xogadores que nunca, un total de 5 repartidos en 3 seleccións. O Dépor máis internacional levou aos estadios galos aos marroquís Mustapha Hadji, Noureddine Naybet e Salaheddine Bassir, ao camerunés Jacques Songo'o e ao nixeriano Peter Rufai.

Precisamente foi este último, o porteiro das 'Aguias Verdes', o que tivo un papel máis destacado. Nixeria deixou na cuneta a España na primeira fase, após derrotala no primeiro partido do Grupo D (3-2) e perder ante Paraguai (1-3) no último, facendo inútil a goleada do equipo de Javier Clemente a Bulgaria (6-1).

Os nixerianos alcanzaron os oitavos de final, onde se toparon cunha irresistible Dinamarca (4-1), que os deixou fóra dos oito mellores equipos do mundo. O gardameta deportivista xogou os 4 partidos completos.

O outro porteiro branquiazul, Jacques Songo'o, tamén xogou todos os partidos que a súa selección, Camerún, disputou no Mundial francés. Os 'leóns indomables' foron últimos do Grupo B, despois de empatar con Austria e Chile (ambos os 1-1) e caer fronte a Italia (0-3).

O trío deportivista dos 'Leóns do Atlas' tamén caeu ao primeiro de vez. Marrocos non accedeu aos oitavos de final trala sorprendente vitoria de Noruega ante Brasil (2-1) na xornada final. Os norteafricanos comezaron empatando coa propia Noruega (2-2, cun gol do branquiazul Hadji), perderon despois con Brasil (0-3) e acabaron goleando a Escocia (3-0, con dobrete do deportivista Bassir).

Naybet disputou os tres partidos completos, portando o brazalete de capitán. Hadji e Bassir tamén estiveron no céspede os 270 minutos que durou a aventura marroquí naquela Copa do Mundo.

O primeiro Mundial disputado en dous países, Corea e Xapón, no ano 2002, deixou a maior achega deportivista á selección española. Nada menos que 4 pupilos de Javier Irureta acudiron na convocatoria de 23 xogadores de José Antonio Camacho. Só o Real Madrid, con 5, proporcionou máis xogadores ao combinado nacional. Ningún deportivista máis acudiu con algunha das outras 31 formacións.

Enrique Romero, Sergio González, Juan Carlos Valerón e Diego Tristán formaron parte dunha España que quedou nos cuartos de final porque as semifinais estaban destinadas aos anfitrións surcoreanos. O partido decidiuse polo erro de Joaquín nunha quenda de penaltis á que nunca se debeu chegar, após varias decisións arbitrais erróneas que impediron a vitoria española.

España dominou con firmeza o Grupo B, do que saíu con 3 vitorias. Arrancou a selección vencendo a Eslovenia (3-1), cun gol de Valerón, titular do mesmo xeito que Tristán. Romero entrou ao campo no minuto 82, en substitución do céltico Juanfran.

Repetiu a selección española resultado fronte a Paraguai, con Valerón e Tristán de novo no once inicial, pero os dous substituídos. O canario no minuto 85 polo azulgrana Xavi e o andaluz, que xa non volvería saltar ao terreo de xogo no resto do torneo, no descanso polo madridista Fernando Morientes.

No peche da fase, co primeiro posto de grupo asegurado, Camacho deu a oportunidade aos futbolistas que non tiveran minutos ou que gozaran de escasa participación nos dous primeiros partidos. Romero foi titular e Sergio xogou case toda a segunda metade, en substitución do valencianista David Albelda. España impúxose a Sudáfrica (3-2).

Os oitavos de final depararon un cruzamento coa República de Irlanda, resolto na quenda de penaltis. Valerón xogou todo o encontro e incluso lanzou, e fallou, unha pena máxima. O mediapunta tamén foi titular no encontro de cuartos de final ante Corea do Sur. Foi substituído no minuto 80 polo barcelonista Luis Enrique. Romero tamén foi titular e disputou os 120 minutos, pero non foi un dos lanzadores na quenda de penaltis que puxo punto e final á epopea española en terras asiáticas.

En resumo, Valerón xogou 4 dos 5 partidos (tivo descanso ante Sudáfrica) como titular, Romero disputou 2 de inicio e 1 saíndo desde o banco, Tristán quedou en 2 como titular, e Sergio só 1 como suplente.

Para o Mundial 2006, en Alemaña, Luis Aragonés non contou con xogadores deportivistas. A achega reduciuse a 3 futbolistas, os arxentinos Fabricio Coloccini e Lionel Scaloni e o paraguaio 'Toro' Acuña.

Arxentina saíu airosa do 'grupo da morte', o Grupo C, no que derrotou a Costa de Marfil (2-1) e Serbia-Montenegro (6-0) e empatou fronte a Holanda (0-0). A este último encontro reduciuse a participación dos deportivistas 'albicelestes' na primeira fase. Coloccini substituíu ao lesionado Nicolás Burdisso no minuto 24.

En oitavos de final, Scaloni dispuxo da súa única oportunidade naquela Copa do Mundo. Fronte a México ocupou o lateral dereito, desde onde colaborou na vitoria da 'albiceleste' na prórroga (2-1).

Coloccini foi titular na despedida de Arxentina, en cuartos de final fronte á anfitrioa Alemaña. O central foi esta vez lateral dereito no esquema de José Pekerman, nun partido que se decidiu na quenda de penaltis, despois de que os 120 minutos concluísen con empate (1-1).

Pola súa banda, o centrocampista paraguaio non superou a primeira rolda coa súa selección. Acuña xogou completos os tres partidos, nos que Paraguai foi derrotada por Inglaterra e Suecia (ambos por 0-1) e venceu a Trinidad e Tobago (2-0).

O último deportivista que até agora disputou un Mundial é Andrés Guardado. O mexicano participou na edición de 2010, celebrada en Sudáfrica. O zurdo azteca xogou 3 encontros, 2 deles como titular e ningún completo.

Guardado saltou ao céspede, en lugar de Paul Aguilar, no minuto 55 do encontro inaugural ante os anfitrións surafricanos (1-1). Quedou no banco na histórica vitoria mexicana ante Francia (2-0) e entrou no once inicial, aínda que deixou a súa praza a Pablo Barrera tralo descanso, no peche do Grupo A, no que Uruguai se impuxo aos aztecas (0-1). Na polémica derrota ante Arxentina (1-3) en oitavos de final, repetiu titularidade pero foi substituído no minuto 61 por Guille Franco.

RESUMO ESTATÍSTICO DOS DEPORTIVISTAS NOS MUNDIAIS (1930-2014)

Xogador Selección Mundial Pos. final Partidos Titular Minutos Goles
Chacho España 1934 1 1 90 -
Juan Acuña España 1950 - - - -
Mauro Silva Brasil 1994 7 7 615 -
Bebeto Brasil 1994 7 7 660 3
Voro España 1994 1 1 90 -
Peter Rufai Nixeria 1998 12º 4 4 360 -9
Noureddine Naybet Marrocos 1998 18º 3 3 270 -
Mustapha Hadji Marrocos 1998 18º 3 3 270 1
Salaheddine Bassir Marrocos 1998 18º 3 3 270 2
Jacques Songo'o Camerún 1998 25º 3 3 270 -5
Enrique Romero España 2002 3 2 218 -
Sergio González España 2002 1 - 37 -
Juan Carlos Valerón España 2002 4 4 375 1
Diego Tristán España 2002 2 2 113 -
Fabricio Coloccini Arxentina 2006 2 1 186 -
Lionel Scaloni Arxentina 2006 1 1 120 -
Roberto Acuña Paraguai 2006 18º 3 3 270 -
Andrés Guardado México 2010 14º 3 2 142 -

Fichaxes post-mundialistas

O Deportivo tamén 'pescou' xogadores pouco tempo despois da súa participación no torneo mundialista, con vistas á temporada posterior. Son un total de 10 futbolistas.

A primeira fichaxe deste tipo produciuse en 1982. O hondureño Héctor Ramón Zelaya, autor do histórico empate dos 'catrachos' fronte á anfitrioa España, asinou co Deportivo. Unha grave lesión de xeonllo impediulle debutar de maneira oficial coa camiseta branquiazul, aínda que si chegou a xogar tres amigables na pretemporada do curso 1982-1983.

Catro anos máis tarde chegou o uruguaio Eduardo Mario Acevedo, que viña de disputar como titular no centro da defensa os 4 encontros da súa selección en México 86, e mesmo portando o brazalete de capitán nun deles.

Tralo Mundial de 1994 chegaron ao Dépor dous dianteiros mundialistas: Julio Salinas e Emil Kostadinov. O español, triste protagonista pola súa lembrada oportunidade fallada ante o porteiro italiano Pagliuca no cruzamento de cuartos de final, viña de ser o '9' indiscutible para Javier Clemente e de marcar o primeiro tanto da selección en Estados Unidos, no encontro inaugural ante Corea do Sur (2-2). O búlgaro, pola súa banda, viña de facer historia cos seus compañeiros, ao alcanzar as semifinais, sendo titular nos 7 encontros que disputou a súa selección.

Trala Copa do Mundo do ano 2002, o Deportivo reforzouse con tres incorporacións que participaran naquela cita. Foron Albert Luque, o portugués Jorge Andrade e o paraguaio 'Toro' Acuña.

Outro paraguaio, Claudio Morel Rodríguez, foi o seguinte en realizar o camiño desde un Mundial, o de Sudáfrica 2010, ao Deportivo. Fai catro anos, repetiron ruta o bosníaco Haris Medunjanin e o costarriqueño Celso Borges, aínda que o 'tico' non se incorporou ao Dépor ao comezo da temporada, pois foi fichado durante o mercado de inverno.