RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "A min gústanme equipos de fútbol, que saiban xogar, que saiban o que hai que facer con e sen balón"

Juan Antonio Anquela manifestou esta mañá en rolda de prensa estar "sorprendido polos rapaces que subiron do filial. Algún ten bastante nivel para o que eu pido. Poderémonos levar algunha sorpresa e a min non me treme o pulso niso. Se teño que poñer a un rapaz vouno a poñer, se o gaña". "Levamos poucos adestramentos e iso se cadra vai para ben ou para mal. Esperemos que sexa para ben", puntualiza.

O técnico deportivista sostén que "a min me gusta o fútbol utópico, pero para iso tería que ter aos mellores en todos os sitios. Pero como non os teño, terei que adaptarme ao que hai. A min gústanme equipos de fútbol, que saiban xogar, que saiban o que hai que facer con e sen balón. E iso nuns sitios conseguino, noutros menos. Os meus equipos tiveron sempre uns sinais de identidade que moitas veces se confundiron, que só se basearon nunha cousa. E logo mirando os números, dicían todo o contrario".

Anquela asegura que "a min me encanta xogar ao fútbol. Pero o que máis me gusta é gañar. Pero para gañar chégase por moitos camiños. E se se pode por unha cousa por unha, e se non... Oxalá poida estar durante o partido calado e sentado. Sería un sinal de que non hai nada que corrixir, nada que pedir. Temos a pelota, chegamos, marcamos goles... Oxalá puidésemos facer iso. Ímolo a tentar".

O adestrador branquiazul insiste en que virán reforzos porque "temos que compensar; temos que facer un bo cadro; porque unha liga non se gaña con 15, nin con 16, nin con 17, e se me apuras con 18. Gáñanse con bastantes máis porque ao final hai que tirar de todo o mundo".

Neste sentido, engade ademais que "os que viñeron novos están a integrarse perfectamente. O único problema xa sabedes que é o que é. Hai xente que están igual se quedan ou se se van. É o único inconveniente que se lle pode poñer a este equipo. Pero esta xente está a traballar como o que máis e non se nota para nada a súa situación".

É máis, na súa opinión, "se quedásemos con todos os que hai, o equipo está perfectamente compensado".