RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Agora o único que hai que facer é estar tranquilos, levantarse e axudarnos todos"

Juan Antonio Anquela manifestou na sala de prensa de Vallecas que "aquí non se pode ir ningún de rositas. Isto é un equipo, e un equipo que ten que defender desde o primeiro home até o último. Que temos que ser máis intensos en momentos puntuais? Iso veo todo o mundo. Que en Segunda División hai que meter pata e entrar ao balón de verdade... E niso estamos a pecar de certa blandura".

O técnico deportivista subliña que "a inconsistencia defensiva non só é da defensa. Son moitas máis cousas. Iso é o que temos que analizar. Os meus rapaces fixeron o que puideron, e nada máis. Estivemos pelexando até o último segundo. O terceiro gol veu no tempo engadido, cando estabamos arriba e estabamos a tentar conseguir un empate que creo que nos merecemos máis que dabondo antes".

Apunta que o resultado "foi tremendamente inxusto connosco. O equipo, sen facer un partido bo bo do todo, en fases do partido estivemos metidos, fixemos as cousas con cabeza. O que nos faltou foi conseguir o goliño, que o buscamos até o final. Non puido ser. Agora o único que hai que facer é estar tranquilos, levantarse e axudarnos todos, porque se non nos axudamos todos, xa sabedes como funciona o fútbol. Os nervios entran e apodéranse de calquera".

Recalca que "fomos brandos nalgunha faceta, sobre todo na nosa área. Na outra non fomos moi contundentes que digamos. O equipo en moitas fases do encontro foi parecido ao que quero".

Con 8 goles encaixados en 3 partidos, sostén que a receita para mellorar esta faceta é "seguir traballando, seguir insistindo. Un non pode gañar se en 2 partidos que tivemo fóra metéronnos 6 goles. O noso problema agora mesmo está aí. Pero non é só dos defensas".

Explica que o empate do Rayo Vallecano chega "nun déficit de atención que hai que corrixir. No segundo gol estivemos moi brandos. E nada máis. Na segunda parte, o equipo foi a empatar, fixo todo para empatar. Nalgúns momentos tivémolo preto, pero faltounos un pouco de mordente. Ocasións tivémolas, pero faltounos metelas".

Anquela quere manifestar ao deportivismo que "o meu obxectivo é construír un equipo. Se ten que vir xente, pois benvida. E se non ten que vir, con isto até onde cheguemos chegamos. Pero o noso equipo está capacitado para, no aspecto que nos incumbe, defensivamente, facelo mellor. É un esforzo de todos, non de 4 nin de 3".

Máis que 'anquelina' durante a semana previa a recibir en ABANCA-RIAZOR ao Albacete (sábado 7 ás 16:00 horas), "cando un equipo está deprimido hai que chegar ao corazón do futbolista desde a cabeza. Hai que serenarse, temos que andar con tranquilidade e dicirlle 'ouve, que fixemos cousas boas'. Melloramos con respecto ao domingo anterior. O noso tema é moi complicado. O escudo que levamos é moi grande. Hai que saber xogar con el e que aquí se magnifica todo. A xente ten toda a razón do mundo a estar preocupada porque estamos a dar razóns para que se preocupen".