RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Estou moi contento cos meus rapaces, vou estar a matar con eles desde o primeiro día"

Juan Antonio Anquela confesou este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR estar "moi contento cos meus rapaces. Vou estar a matar con eles desde o primeiro día. Isto é o que teño, e a matar con eles. Se eles dinme que hai que ir por ese camiño, imos ir por ese camiño. E se eu dígolles a eles que hai que ir por ese camiño van ir. Iso é o que quero conseguir, que todos vaiamos cara ao mesmo sitio e que sexamos un equipo, un equipo consistente en todas as facetas do xogo".

O técnico deportivista reitera que "aquí o que se pide é un equipo que dispute cada partido coa intención de gañar. E nós ímolo a facer sempre. Imos saír a gañar desde o primeiro segundo".

De cara ao debut ligueiro deste domingo 18 de agosto en ABANCA-RIAZOR ante o Real Oviedo (18:00 horas), "as sensacións son boas. O equipo está nunha fase de creación bastante aceptable. E a iso téñome que agarrar, o que me din os futbolistas no día a día".

Advirte que o triunfo do Teresa Herrera ante o Real Betis "non me vale. A min válenme outros de pretemporada que igual a vós non vos gustaron tanto. Competir con equipos de categoría, co nivel emocional dos dous equipos parello. Xogar cun Primeira División sempre é máis fácil".

Iso si, admite que o once que saltou ao céspede de ABANCA-RIAZOR ante os béticos "máis ou menos" será o mesmo que o do Oviedo este domingo.

Vaticina este domingo "un partido de Segunda División e a iso témonos que cinguir. Imos xogar un partido de Segunda División ante un equipo que seguro que vai estar arriba durante todo o ano; e seguro que teremos que competir desde a primeira xogada até a última se queremos levar o resultado ao noso sitio". "Imos saír a gañar desde o primeiro segundo. Se temos a fortuna ou o acerto necesario conseguirémolo. Se non, pois a seguir traballando porque non queda outra nesta Segunda División. Aquí non se regala absolutamente nada", reitera.

Precisamente do Real Oviedo, ao que dirixiu boa parte da temporada pasada, Anquela recoñeceu que é "especial" xogar contra os asturianos: "Sempre é un pracer e unha alegría, porque se eu xogo contra o Oviedo, estamos en cotas altas".

Consciente de como funciona o mundo do fútbol, o adestrador branquiazul apunta que non ten ningunha espiña cravada pola súa destitución no banco do Carlos Tartiere: "Ao revés. Sempre estarei eternamente agradecido".