RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Se somos do Dépor somos do Dépor. Os da Champions que vaian ver a Champions"

Juan Antonio Anquela ten moi claro que ante o encontro ligueiro de mañá mércores en ABANCA-RIAZOR ante o CD Numancia (21:00 horas, Movistar LaLiga), choque que coincide coa xornada de Liga de Campións, "se somos do Dépor somos do Dépor. Os da Champions que vaian ver a Champions. Eu teríao moi claro se estivese na miña cidade e xogase o Xaén e a Champions. Iría ver o Xaén sen ningún xénero de dúbidas. E aquí hai moita xente que vai facer o mesmo que estou a pensar eu".

O técnico branquiazul cre necesario mellorar canto antes o aspecto defensivo: "Estamos a recibir moitos goles. Iso é evidente. En goles a favor o equipo non vai mal. E en ocasións de gol xa nin che conto. Defensivamente como bloque estamos a recibir moitos goles. Non é cuestión de defensa".

Admite que está preocupado "porque non temos os puntos necesarios. En canto á actitude e á forma de como compite o equipo nos últimos partidos, teño poucas queixas".

Descarta para o choque de mañá aos 4 lesionados (Borja Valle, Somma, Longo e Nolaskoain): "Temos bastante xente fóra importante e sacaremos o equipo máis competitivo que teñamos ou o que cremos nós que é mellor para poder sacar o partido adiante mañá, que para nós é importantísimo", apunta.

Confesa que "estamos relativamente contentos polo punto de Xixón, por non perder un partido que fixemos máis cousas. Logramos rescatar un punto a base de tesón e de xogar ben algunhas fases do partido".

Do CD Numancia, destaca Anquela que é "un bo equipo, na liña do ano pasado, xogando ben ao fútbol, propondo cousas interesantes. Ten as ideas claras e teremos que competir ben e sobre todo ter moita paciencia".

Asegura o adestrador branquiazul que non lle preocupa nada que non sexa o CD Numancia, nin sequera a visita ao Ramón de Carranza deste sábado: "Non penso para nada no Cádiz. Penso en sacar mañá este partido adiante. Imos ter un rival que nolo vai a pór moi difícil e teremos que facer as cousas ben se queremos conseguir o obxectivo".

Insiste unha e outra vez en que "estamos convencidos do que estamos a facer. Estamos a crecer pero o que pasa é que cometemos erros moi graves. E o normal é que o rival os aproveite. Cremos no que estamos a facer. Os futbolistas todos os días dinmo en cada adestramento. Imos crecer, pero para crecer necesítanse puntos. Agora o obxectivo prioritario é conseguir puntos".

Nesta liña, avisa que "estamos nun momento no que necesitamos puntos. E urxentemente. Hai que tomalo coa debida calma ou coa que se poida. Nada máis".