RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ante o Madrid, acabou mal o que mal empezou (2-6)

O Deportivo caeu ante o Real Madrid en Riazor despois de hipotecar o partido nun nefasto cuarto de hora inicial, volver latexar e facer crer aos seus grazas a un bo tramo final da primeira parte e recibir a puntilla a escasos segundos do descanso.

Pepe Mel, técnico deportivista, realizou tres cambios con respecto ao once inicial presentado o pasado domingo en Anoeta. Alejandro Arribas, sancionado para o encontro ante a Real Sociedad, volveu ao centro da defensa en detrimento de Raúl Albentosa. En mediocampo, Guilherme dos Santos supliu a Celso Borges. Na liña de tres cuartos, Carles Gil ocupou a posición que en San Sebastián foi propiedade de Fayçal Fajr.

Non transcorrera o primeiro minuto de xogo cando o Real Madrid adiantouse no marcador. Ían exactamente 52 segundos cando un potente dereitazo de Álvaro Morata, que recibira un pase en profundidade de Isco, coábase no marco deportivista.

Aos cinco minutos, Marco Asensio gozou dunha oportunidade similar, pero nesta ocasión Germán Lux atrapou o esférico. Na seguinte acción, o Deportivo puxo a proba por primeira vez a Kiko Casilla, nun disparo lonxano coa perna esquerda de Juanfran.

Pouco despois, un lanzamento de Isco escapouse lamendo o poste esquerdo da portería branquiazul e, no minuto 11, Lux volveu desbaratar un man a man, esta vez ante o autor do primeiro gol madridista, Morata. No minuto 13 foi Asensio o que se topou co mesmo pau que con anterioridade buscaba Isco.

No minuto 14 chegou o 0-2, nunha incorporación polo extremo dereito de Lucas Vázquez que serviu cara ao corazón da área para a chegada de James. O colombiano, cun toque sutil co exterior da súa bota esquerda, superou novamente a Lux.

O Deportivo gañou terreo pasado o cuarto de hora e comezou a roldar a área madridista. Carles Gil probouno de lonxe no minuto 22, pero o seu potente disparo saíu demasiado centrado, co que Kiko Casilla non tivo problema para atrapar o coiro. Dous minutos máis tarde foi Guilherme quen o tentou. Estivo máis preto o tiro do brasileiro, que se marchou por riba do traveseiro por escasos centímetros.

Cando se cumpría o minuto 26, Lux tapou un novo disparo de socato, esta vez de Lucas Vázquez, tras unha imprecisión da zaga deportivista. Pouco antes, o colexiado anulara, por fóra de xogo de Carles Gil, a mellor acción ofensiva dos coruñeses, na que Marcelo sacaba baixo paus un remate de Gaël Kakuta.

Recentemente superada a media hora de encontro, Lux evitou un novo tanto noutro man a man con Morata. Nesta ocasión, o gardameta deportivista non se venceu e acabou rexeitando o remate do ariete co seu rostro.

O Deportivo acurtou distancias no minuto 35 por medio de Florin Andone. Un fantástico cambio de orientación de Guilherme recolleuno Juanfran. O lateral centrou á área, onde ninguén rematou. O coiro chegou no segundo pau a Kakuta, que devolveu o esférico cara ao outro pau, onde o romanés puxo a bota dereita para colocar o coiro lonxe do alcance de Kiko Casilla. O pichichi deportivista anotou deste xeito o seu noveno tanto na presente campaña ligueira.

Os branquiazuis viñeron arriba e estiveron a piques de lograr o empate no minuto 39, tras unha fenomenal combinación que concluíu cun disparo de Carles Gil. O extremo buscaba o poste contrario con efecto pero o porteiro branco reaccionou ben, desviando a saque de esquina.

No minuto 43 estivo aínda máis preto o 2-2, nun centro de Juanfran que despexou de puños Kiko Casilla, o balón pegou no ombreiro de Sidnei, que entraba tarde ao remate, e escapouse mansamente rozando o poste esquerdo dunha baleira portería madridista, con Andone perseguíndoo desesperadamente sen éxito.

Cando estaba a piques de cumprirse o minuto 45, o Madrid volveu abrir brecha. Isco e Marcelo combinaron pola esquerda, o centro raso do brasileiro despexouno Sidnei en curto e Lucas Vázquez apareceu pola área para enviar o balón solto ao fondo das mallas por terceira vez.

Con 1-3 no marcador chegouse ao descanso, no que Pepe Mel realizou dous trocos. Fernando Navarro substituíu a Kakuta, co que Luisinho pasou do lateral ao extremo esquerdo. O outro cambio produciuse na portería, na que se colocou Przemysław Tytoń en lugar de Lux, cunha sobrecarga muscular.

Os primeiros compases da segunda metade deixaron sensación de frialdade por parte de ambos os equipos. Superado ese momento, primeiro chegou a lesión de Carles Gil, co que Pepe Mel tivo que esgotar os tres cambios antes da hora de xogo. Joselu saltou ao terreo de xogo en lugar do extremo. Despois, o Madrid volveu roldar o gol, nun contragolpe conducido por Marco Asensio, que viu a chegada de Lucas Vázquez polo extremo dereito. O autor do terceiro gol disparou ao primeiro toque, lixeiramente desviado.

No minuto 62, Tytoń desviou coa punta dos dedos un remate colocado de Morata que se envelenara rozando previamente en Juanfran. Acto seguido, o Dépor respondeu nun centro de Emre Çolak que rematou de cabeza, excesivamente frouxo, Joselu.

A sentenza chegou no minuto 66, nunha acción moi protestada por Arribas. O central recibiu unha falta de Mateo Kovačić que o colexiado non sinalou. Segundos despois, Isco conectaba con Morata, que eludía a Tytoń con fortuna. O polaco chegou antes a pés do dianteiro, pero o rebote favoreceu a este, que cedeu cara á súa dereita para a chegada de James, que introduciu o balón na meta coruñesa a pracer.

No minuto 73, o colexiado anulou un gol a Joselu por fóra de xogo. Se o dianteiro deportivista atopábase en posición adiantada foi por milímetros. Tres minutos máis tarde, Sidnei atopouse co balón moi encima á saída dun saque de esquina. A súa cabezada escapouse por riba do traveseiro.

O Madrid ampliou a súa vantaxe a un cuarto de hora do asubío final, por medio de Isco. Pouco despois, o colexiado non sinalou un penalti cometido por Lucas Vázquez sobre Luisinho. E de inmediato, Joselu cabeceaba impecablemente un non menos bo centro de Florin Andone para anotar o segundo gol branquiazul, o quinto na súa conta particular no presente exercicio.

Non tardou o Madrid en responder. O recentemente incorporado Casemiro pechou o marcador co sexto gol do equipo branco, nun disparo desde a frontal da área que colleu desprevido a Tytoń.

Con esta derrota, o Deportivo mantense con 31 puntos na clasificación, con 7 de vantaxe sobre o Sporting de Gijón, equipo que marca a zona de descenso, cando restan 12 puntos por disputar. Os xixoneses visitan o venres ao Villarreal, co que os branquiazuis poderían xogar o domingo no Sadar (12:00 horas, Bein Sports) sabendo que unha vitoria lles daría a permanencia en Primeira División de forma matemática.

RC Deportivo: Lux (Tytoń, min. 46), Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Álex Bergantiños, Carles Gil (Joselu, min. 57), Emre Çolak, Kakuta (Fernando Navarro, min. 46) e Andone.

Real Madrid: Kiko Casilla, Danilo, Nacho, Varane (Álvaro Tejero, min. 88), Marcelo, Kovačić, Isco (Casemiro, min. 79), James Rodríguez, Lucas Vázquez, Morata e Asensio (Mariano, min. 79).

Goles: 0-1 Morata (min. 1); 0-2 James Rodríguez (min. 14); 1-2 Andone (min. 35); 1-3 Lucas Vázquez (min. 44); 1-4 James Rodríguez (min. 66); 1-5 Isco (min. 77); 2-5 Joselu (min. 84); 2-6 Casemiro (min. 87).

Árbitro: Sánchez Martínez (c. murciano). Cartón amarelo a Arribas (min. 67), Isco (min. 68), Joselu (min. 90+2) e Emre Çolak (min. 90+3).

Incidencias: partido correspondente á 34ª jornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 26.788 espectadores.