RCD / NOVAS

Anuncio de suspensión e desconvocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas

14/03/2020 13:05

O Consello de Administración do Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D., na súa reunión celebrada o día 14 de marzo de 2020, acordou suspender e desconvocar a Xunta Xeral Extraordinaria de accionistas da sociedade, cuxa celebración estaba prevista para o 16 de marzo de 2020, ás 19:00 horas no Auditorio Arao do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), Peirao de Transatlánticos, s/n, 15003, A Coruña, en primeira convocatoria, e o 17 de marzo de 2020 á mesma hora e mesmo lugar, en segunda convocatoria.

A referida Xunta Xeral Extraordinaria fora convocada polo propio Consello de Administración da sociedade, mediante anuncios publicados no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, así como nos diarios La Voz de Galicia, A Opinión da Coruña e DXT Campión, todos eles o día 13 de febreiro de 2020.

 A desconvocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria de accionistas trae causa da actual crise sanitaria que está a atravesar o noso país, con motivo da pandemia do COVID-19 e da declaración do estado de alarma nacional por parte do Goberno do Reino de España, así como de emerxencia sanitaria por parte da Comunidade Autónoma de Galicia. Pola devandita razón, o Real Club Deportivo da Coruña, seguindo as recomendacións e medidas adoptadas polas administracións públicas estatais, autonómicas e municipais, así como as adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tomou a decisión de aprazar e desconvocar a Xunta Xeral Extraordinaria a fin de evitar aglomeracións en espazos públicos pechados, que poidan pór en risco a saúde dos asistentes.

En consecuencia, queda aprazada de maneira indefinida a celebración da Xunta Xeral Extraordinaria da Sociedade a unha data futura, realizándose a convocatoria unha vez que transcorrese un limiar temporal razoable desde o momento no cal as autoridades sanitarias estatais e autonómicas informen publicamente da desaparición dos riscos e efectos derivados desta pandemia. Todo iso, ao obxecto de actuar coa máxima seguridade para todos os deportivistas, accionistas e asistentes.

 

Na Coruña, a 14 de marzo de 2020

O Presidente do Consello de Administración

Fernando Vidal Raposo