RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor sáelle todo mal en Mestalla (3-0)

O Deportivo caeu na súa visita a Mestalla, nun partido que se lle puxo moi costa arriba despois de fallar un penalti e ver como lle anulaban un gol legal con 0-0 no marcador e de encaixar dous goles a balón parado na primeira media hora, un deles de Raúl Albentosa en propia meta.

O adestrador deportivista, Pepe Mel, presentou cinco cambios con respecto á aliñación inicial do derbi ante o Celta. En defensa, Sidnei, recuperado dos problemas físicos que lle impediron xogar os dous últimos partidos, supliu a Alejandro Arribas e Fernando Navarro fixo o propio con Luisinho, sancionado por acumulación de amoestacións. En mediocampo, Carles Gil substituíu a Bruno Gama e Guilherme, aínda inédito con Mel por culpa dunha lesión, ao lesionado Pedro Mosquera. En ataque, Florin Andone volveu ao equipo en detrimento de Celso Borges, practicamente recentemente chegado da súa longa viaxe para actuar coa selección de Costa Rica en México e Honduras.

Aos 3 minutos, Fabián Orellana gozou da primeira ocasión do encontro. O extremo chileno da Valencia, con todo a favor tras un esvarón de Juanfran, rematou frouxo ás mans de Germán Lux.

O Deportivo gozou dunha pena máxima no minuto 8, despois de que Martín Montoya agarrase a Andone cando se dispuña a rematar un centro desde a dereita. Fayçal Fajr non puido bater ao especialista Diego Alves, que adiviñou a súa intención, lanzándose cara á súa dereita e despexando o coiro.

Inmediatamente, Carles Gil viu como se lle anulaba un gol por un fóra de xogo inexistente e, acto seguido, o Valencia adiantábase no marcador. Munir cabeceou ao traveseiro unha falta colgada á área deportivista. O rexeite recolleuno Ezequiel Garay, que bateu de socato a Lux. Corría o minuto 10.

En cuestión de segundos, o Dépor pasou de ter dúas claras opcións de adiantarse no marcador a verse por detrás. A pesar diso, os branquiazuis non viñeron abaixo e nos seguintes minutos protagonizaron os achegamentos de maior perigo, aínda que sen chegar a ser ocasións salientables.

Peor lle sentou ao Dépor encaixar o segundo gol, nun saque de esquina desde a esquerda do ataque local no que Raúl Albentosa introduciu a pelota na súa propia portería, cando estaba a piques de cumprirse a media hora de xogo.

Ata o minuto 36 non volveu achegarse o Deportivo á área valencianista. Andone rematou de volea un fenomenal centro de Juanfran desde a dereita. Nun empalme de extrema dificultade, o ariete romanés enviou o esférico ás bancadas. No 43, un veloz contragolpe acabou nun disparo con efecto de Carles Gil, buscando o segundo pau, que Diego Alves rexeitou nunha gran estirada.

Tras o paso polos vestiarios, Pepe Mel buscou un revulsivo en ataque, polo que deixou nos vestiarios a Fayçal Fajr para introducir a Emre Çolak. O turco situouse de inicio na dereita, aínda que tendendo a irse ao centro, pasando Carles Gil ao extremo esquerdo.

No minuto 52, o turco dispuxo da primeira oportunidade do segundo período. Foi nun libre directo practicamente sobre a liña da área valencianista. Emre Çolak buscou o pau do porteiro, que reaccionou a tempo para despexar o balón.

Cinco minutos máis tarde, unha recuperación de Fernando Navarro en campo contrario acabou, previo paso por Andone, en pés de Joselu, que desde o bordo da área enganchou un dereitazo que buscaba a cepa do poste dereito do marco local. Alí apareceu, de novo, o porteiro brasileiro do Valencia.

O Valencia tamén viu como se lle anulaba un gol, no minuto 61, aínda que nesta ocasión de forma correcta. Aínda que Aymen Abdennour remata a portería en posición correcta, previamente ataca o balón Simone Zaza, que si se atopa adiantado no momento do centro á área.

Pepe Mel queimou todas as naves introducindo no terreo de xogo a Marlos Moreno en lugar de Álex Bergantiños. Con vinte minutos por diante e dous goles de desvantaxe, o Deportivo pasaba a despregarse nunha sorte de 4-3-3, con Guilherme como pivote, Carles Gil e Emre Çolak por diante del, Marlos no extremo esquerdo, Joselu en punta e Andone algo máis aberto á dereita.

Diego Alves volveu aparecer no minuto 72, para tapar un man a man de Andone despois dun fantástico servizo de Sidnei. Emre Çolak tamén o probou de lonxe, no minuto 80. O seu lanzamento, lixeiramente desequilibrado, marchouse ás nubes.

Na recta final, Lux evitou o terceiro gol en senllos duros lanzamentos rasos de João Cancelo. No primeiro, o despexe do porteiro arxentino caeu a pés de Garay, que esta vez disparou ao segundo anfiteatro. No segundo, como finalización dun claro contragolpe, puxo os puños para afastar o perigo.

Xa nada puido facer Lux na terceira ocasión, na que o extremo portugués recortou na liña de fondo a Fernando Navarro e rematou cruzado, a media altura, para anotar o 3-0 definitivo.

Con esta derrota, o Deportivo mantense con 27 puntos, 5 por riba da zona de descenso, que marca o Sporting de Gijón. O vindeiro mércores, os branquiazuis recibirán en Riazor ao Granada, penúltimo a 8 puntos dos coruñeses a falta de disputar o seu partido da 29ª xornada nos Cármenes fronte ao Barcelona.

Valencia CF: Diego Alves, Martín Montoya, Garay, Abdennour, Gayà (João Cancelo, min. 83), Parejo, Enzo Pérez (Siqueira, min. 75), Munir, Carlos Soler, Orellana e Zaza (Santi Mina, min. 78).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Carles Gil, Álex Bergantiños (Marlos Moreno, min. 70), Guilherme, Fayçal Fajr (Emre Çolak, min. 46), Andone e Joselu.

Goles: 1-0 Garay (min. 10); 2-0 Albentosa, en propia porta (min. 29); 3-0 João Cancelo (min.90+1).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (c. vasco). Cartón amarelo a Martín Montoya (min. 7), Joselu (min. 16), Abdennour (min. 50) e Enzo Pérez (min. 55).

Incidencias: partido correspondente á 29ª jornada de LaLiga Santander disputado no estadio de Mestalla ante 34.638 espectadores.